Pontón quere para Galicia unha axenda urbana na que Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"

Pontevedra
05 de xuño 2020

Galicia debe apostar, segundo Ana Pontón, por transformar as súas cidades e facelas "máis sostibles, ecolóxicas e cohesionadas". Esa é a base da axenda urbana que o BNG quere implantar en toda a comunidade e sobre a que, recoñece a súa candidata á presidencia da Xunta, Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe"

Miguel Anxo Fernández Lores, Ana Pontón e Luis Bará, en Santa María Mónica Patxot

Galicia debe apostar, segundo Ana Pontón, por transformar as súas cidades e facelas "máis sostibles, ecolóxicas e cohesionadas". Esa é a base da axenda urbana que o BNG quere implantar en toda a comunidade e sobre a que, recoñece a súa candidata á presidencia da Xunta, Pontevedra "leva vinte anos de vantaxe".

Así o sinalou Pontón nunha nova visita a Pontevedra, con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, xornada que a líder nacionalista quixo dedicar a avanzar a proposta do BNG para que haxa un "cambio transformador" en todo o territorio galego.

Tras reiterar que Pontevedra é unha "referencia" en materia urbana e destacar a "fortaleza" do modelo polo que apostou a cidade hai máis de dúas décadas, a candidata do BNG sinalou que a crise da COVID-19 fixo patente a "necesidade urxente" de realizar cambios no funcionamento das cidades.

Toda Galicia, explicou Pontón, debe "adaptar o seu espazo urbano" e impulsar unha "gran transformación" que permita avanzar cara un modelo "que poña as persoas no centro" e cre cidades "amables e cohesionadas socialmente". 

A Boa Vila, segundo Pontón, é o "exemplo palpable" dos beneficios desta transformación urbana e o "aval" do propio BNG para demostrar "do que somos capaces".

A este respecto, a candidata nacionalista asegurou que, se os galegos confían nela para presidir a Xunta de Galicia, poñerá en marcha esta axenda urbana "no primeiro ano de goberno", un proceso que sería "dialogado" cos axentes sociais e os entes locais.

Seis son os "criterios claros" que o BNG incluirá nesta axenda urbana, partindo da redución da contaminación "de todo tipo", xa sexa industrial, residencial ou do tráfico rodado; ou do control do impacto dos coñecidos como gases invernadoiro.

Crear asentamentos urbanos "cómodos, agradables e seguros", impulsar novas fórmulas de reciclaxe e xestión dos residuos, fomentar as cidades "compactas" ou reducir o uso da enerxía nos espazos públicos son os outros criterios que marcarán esta axenda urbana.