Os populares denuncian que os problemas de inseguridade e sucidade esténdense máis aló do centro

Pontevedra
24 de xullo 2026

O Partido Popular alerta do aumento dos problemas de convivencia cidadá, que xa non se limitan a espazos como a praza da Ferraría ou a praza de Galicia, senón que se estenden a outras zonas como a Cidade de Pedra

Pepa Pardo e Bea Rey, no Camiño de Ferro Partido Popular de Pontevedra

A concelleira do Partido Popular de Pontevedra Pepa Pardo denunciou un aumento dos problemas de convivencia cidadá na cidade, que, segundo advirte, xa non se limitan aos puntos máis conflitivos do centro histórico e estanse estendendo a novas zonas como a rúa Camiño de Ferro e a avenida Eduardo Pondal.

Acompañada pola edil Bea Rey, Pardo achegouse até a Cidade de Pedra tras recibir queixas veciñais que alertan de pelexas, acumulación de lixo e unha crecente sensación de inseguridade.

A dirixente popular sostén que a situación afecto tamén a outros puntos do municipio máis aló dos tradicionalmente conflitivos como a Praza da Ferraría ou a Praza da Estrela, "onde se están vendo gravemente prexudicados os hostaleiros", ou a Praza de Galicia, en Campolongo, "onde os veciños nos informan de que os seus propios fillos ven case a diario como determinadas persoas fan as súas necesidades na vía pública e no mobiliario urbano", sinalou.

Pardo acusou o goberno local, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores, de "mirar cara a outro lado" e de "negar a realidade existente", á vez que reclamou unha "resposta urxente".

"A cidade e os pontevedreses non merecen isto. Nin veciños, nin comerciantes, nin hostaleiros merecen convivir con este problema desde hai anos", afirmou.

Neste sentido, instou ao BNG a actuar "de forma inmediata", insistindo en que "non queremos nin debemos afacernos a que esa sexa a normalidade imperante en Pontevedra".

Por último, reiterou a necesidade de reforzar o persoal da Policía Local e recuperar as patrullas a pé, ao consideralas "esenciais" para previr incidentes e mellorar a percepción de seguridade, e pediu ao alcalde que "deixe de mirar cara a outro lado e tome medidas de maneira urxente".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora