O portavoz municipal do Partido Popular en Pontevedra, Rafa Domínguez, volveu poñer este xoves o foco na falta de vivenda asequible na cidade, un problema que afecta de maneira especialmente intensa aos máis novos, asegura.
O edil presentou un novo paquete de propostas coas que o seu grupo pretende impulsar alternativas "realistas" desde o Concello para aliviar a tensión do mercado inmobiliario.
O PP rexeita de plano calquera fórmula de intervención pública nos prezos de venda ou aluguer. "No creemos que sea posible, ni legal ni ético, que las instituciones controlen el precio de nada. La intervención está fuera de lugar", remarcou o portavoz.
Nesta liña, o Partido Popular mostrouse contrario a medidas como declarar zonas tensionadas, gravar as segundas residencias, prohibir os alugueres turísticos, crear rexistros de propietarios ou fixar topes ao aluguer. A súa receita pasa, insistiu Domínguez, por "incrementar la oferta, incrementar el suelo y agilizar los trámites".
As propostas do grupo popular xurdiron tras varias reunións "fructíferas" con representantes dos Colexios Oficiais de Arquitectos, de Aparelladores e de Enxeñeiros. O obxectivo, afirma o PP, é ter un plan de acción listo "para cuando lleguemos a la Alcaldía".
Entre as medidas xa adiantadas polos populares figuran acelerar a concesión de licenzas municipais apoiándose nas Entidades de Certificación de Conformidade Municipal (ECCOM), reducir un 10% o IBI, actualizar a PXOM de 1989 e o Peprica de 2003.
Tamén denuncian que Pontevedra está "á cola" das cidades galegas en concesión de licenzas, un problema "crónico" que, ao seu xuízo, evidencia a necesidade de reforzar a área de Urbanismo.
Domínguez aproveitou para criticar que o catálogo de bens patrimoniais anunciado polo BNG en 2023 siga sen ver a luz. "Vamos a pedirlo por registro. Es una vergüenza para los profesionales que todavía no esté", sostivo.
Os colexios profesionais trasladaron ademais outras propostas como dotar de maior transparencia na tramitación de expedientes, de forma que calquera técnico poida consultar o estado das súas xestións online.
Tamén propoñen a creación de mesas de traballo entre administración, profesionais e cidadáns, e a publicación dunha instrución interpretativa cos criterios técnicos para a concesión de licenzas. Tamén expoñen impulsar proxectos "más abiertos y participativos" e habilitar novo solo industrial.
Domínguez reprochou ao executivo local de Miguel Anxo Fernández Lores o que considera un "abandono de funciones", ao limitarse, segundo denuncia, a ceder solo á Xunta para a construción de vivenda social.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra explicou que o Concello ten en fase de contratación -á espera dun informe de Intervención- a elaboración dun estudo que permitirá diagnosticar a situación actual da vivenda no municipio e definir as liñas de actuación a futuro.
Segundo indicou, o goberno local inclínase por solicitar á Xunta a declaración dunha ou varias zonas tensionadas, unha figura contemplada na nova Lei de Vivenda que permitiría limitar os prezos en áreas con alta presión residencial.
Lores criticou a falta de iniciativa do Partido Popular, ao que acusou de pasar "quince anos sen facer nada de vivenda pública na cidade". Fronte a iso, reivindicou que o Concello puxo solo a disposición e tramitou "con toda a axilidade do mundo" o proxecto de interese autonómico (PIA) promovido pola Xunta para desenvolver terreos destinados principalmente a vivenda.
O rexedor tamén afeou a postura do portavoz do PP pontevedrés, Rafa Domínguez, ao considerar que "está a emendar a plana á conselleira".
Lembrou que a responsable de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, sinalou en varias ocasións ao Concello de Pontevedra como "exemplo de colaboración" e destacou que na cidade "foi onde empezou a despregar esa política de vivenda a nivel de toda Galicia".