O Partido Popular criticou o novo convenio de ludotecas municipais e reclamou ao goberno local do BNG que faga "menos autobombo" e teña "máis amplitude de miras" á hora de deseñar as políticas de conciliación.
Esta crítica chega tras o anuncio realizado este martes polo concelleiro de Educación, Demetrio Gómez, sobre o novo acordo para o período 2026-2030 que, segundo o grupo municipal, mantén para este verán e o próximo Nadal a mesma dotación anual que no convenio anterior.
Junco explicou que, a pesar de que o convenio contempla un incremento progresivo do 2,5% nos próximos anos, a contía para 2026 seguirá sendo de 110.000 euros. "É exactamente a mesma que se destinou en 2024 e 2025", sinala.
A edil do PP considera "positivo" este aumento progresivo, pero advirte que o incremento previsto para 2027 "é de apenas 2.750 euros e non basta para cubrir as necesidades reais das familias pontevedresas".
"É evidente que calquera investimento destinado a favorecer a conciliación é positiva, por pequena que sexa, pero non basta con ampliar minimamente un convenio se a oferta municipal continúa sendo limitada e deixa sen resposta moitas das necesidades das familias", xustifica Junco tras a abstención do seu partido na comisión informativa.
Entre as melloras que propón o Partido Popular figura ampliar o horario do programa Concilia Verán, incorporando almorzo e actividades pola tarde para facilitar a conciliación laboral durante as vacacións escolares, así como a garantía de accesibilidade e inclusión de todas as actividades para nenos e nenas con necesidades educativas especiais.
Ademais, cuestionou o programa Ponte Verán, ao consideralo "insuficiente" para o público xuvenil. Así mesmo, sinala que "botamos en falta unha oferta cultural máis potente porque Pontevedra ten capacidade para ofrecer moito máis".
A concelleira lembrou que parte destas demandas xa foron defendidas polo PP nunha moción aprobada por unanimidade no pleno de abril de 2025, na que se instaba o goberno local a crear un servizo municipal de conciliación adaptado ás necesidades das familias.
Junco lamentou que transcorreu máis dun ano e o BNG "non fixo absolutamente nada e deixa pasar o tempo sen cumprir as mocións aprobadas mentres as familias seguen atopando enormes trabas para conciliar".