O Porto de Marín non terá que indemnizar aos familiares do patrón do Nuevo Marcos polo naufraxio

Poio
27 de maio 2025

Os familiares sostiñan que a falta de sinalización das bateas contra as que chocou o buque provocara o fatal afundimento, pero o TSXG sinala que "non existe nexo causal"

O "Nuevo Marcos" reflotado no porto de Combarro
O "Nuevo Marcos" reflotado no porto de Combarro / PontevedraViva

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou a pretensión dos familiares do patrón dos Nuevo Marcos, o pesqueiro que naufragou en abril de 2017 en Combarro (Poio), de recibir unha indemnización da Autoridade Portuaria de Marín.

Tres do seus cinco tripulantes faleceron nese accidente, entre eles o patrón do barco, que chocou cunha batea mentres navegaba desde o porto de Marín ao de Combarro.

Como resultado de choque orixinouse unha inundación masiva que produciu o rápido afundimento do barco, afogándose as tres vítimas.

Os familiares sostiñan que a falta de sinalización das bateas contra as que chocou o buque provocara o fatal afundimento, pero o TSXG rexeita que deban ser indemnizados en concepto de resarcimento polos danos producidos nas súas persoas.

Os maxistrados sinalan que "non existe nexo causal" entre esa falta de sinalización do obstáculo co que chocou o buque e o seu naufraxio, xa que o choque se produciu, segundo reiteran na sentenza, pola "neglixente e imprudente" navegación do patrón do Nuevo Marcos.

Ademais, o alto tribunal galego subliña que "non se pode considerar" que esta circunstancia fora responsabilidade da autoridade portuaria, a única administración denunciada polas familias das vítimas, xa que o polígono de bateas foi autorizado pola Xunta de Galicia.

É o executivo autonómico, segundo esta resolución xudicial, a que concede a súa explotación e non os responsables do porto, pero tampouco se pode dirixir a responsabilidade contra a Xunta porque non se dirixiu a reclamación contra eles.

A iso suman que, en todo caso, ese nexo causal "rompe atendida a actuación durante e despois do accidente polo propio patrón e pola tripulación".

"Navegaban por unha zona de bateas que non estaban iluminadas e nunha noite escura", explican os xuíces, debendo utilizar o seu coñecemento, o radar e o mandato do RIPA para manter unha vixilancia axeitada, separarse da zona de bateas e situarse con seguridade.

A sentenza engade que, tras a colisión, o patrón incumpriu varias obrigacións básicas e non se adoptaron as medidas de seguridade, non se utilizaron os chalecos salvavidas nin a balsa e tampouco se emitiu o sinal de socorro que permitiría unha asistencia inmediata.

Por iso é polo que conclúan que "non existe nexo causal directo e inmediato" entre o funcionamento do servizo público invocado, a falta de sinalización por parte da Autoridade Portuaria de Marín, e a produción do dano.

Achacan, por tanto, o sucedido á "inadecuada" actuación do patrón, sen usar o radar, nin utilizar os chalecos salvavidas nin a zodiac, "continuando a navegación e non pedindo socorro e tentando chegar a porto sen constatar o estado da embarcación".

Esta sentenza do TSXG non é firme e pode ser recorrida ante o Tribunal Supremo.