Portonovo poderá dispoñer en xuño do novo skate park

Sanxenxo
22 de abril 2020

Skate, parkour ou bowl serán actividades deportivas que se poderán practicar neste espazo que supervisou o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín

Telmo Martín visitou as obras do skate  park de Portonovo
Telmo Martín visitou as obras do skate park de Portonovo / Concello de Sanxenxo

O próximo mes de xuño prevese que poida estar a disposición pública o novo espazo de skate park de Portonovo. Así o estima o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, que este mércores visitou o lugar. Unhas obras que se viron atrasadas debido ás adversas condicións meteorolóxicas do inverno, así como a paralización da actividade consecuencia das medidas adoptadas co estado de alarma polo COVID19.

Os distintos espazos previstos no skate park están completamente definidos unha vez instaladas as plataformas e elementos necesarios. O parque dispoñerá de tres zonas: dúas para skate e outra para parkour e bowl. Tamén ofrecerá un rocódromo, onde xa está levantada a parede.

Na zona de confluencia destas disciplinas haberá un espazo de descanso, dotado con bancos que xa se instalaron, así como elementos de vexetación. O Concello sanxenxino plantexa grafitear as zonas de parkour e o rocódromo para achegar unha imaxe concordante coa iconografía destas prácticas urbanas.

O alcalde, Telmo Martín sinalou que este espazo "converterase nunha das zonas de esparexemento e goce dos mozos do municipio e responde á importante demanda que está a ter este tipo de prácticas deportivas urbanas". Engadía que "as obras avanzan a bo ritmo e esperamos que moi pronto xa se poida gozar delas".