A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, mantiveron este luns un encontro de traballo co alcalde de Poio, Luciano Sobral, e co concelleiro Gregorio Agís no edificio administrativo do executivo autonómico en Campolongo para poñer sobre a mesa e comezar coa análise das distintas opcións para a zona portuaria de Raxó e Covelo.
Ambas partes acordaron celebrar un próximo encontro no que se debatirán as "posibilidades e os inconvintes" das distintas alternativas de actuación conxunta nos portos de Poio.
A Xunta sostén que, ao longo dos últimos anos, xa acometeron "as obras prioritarias do proxecto deseñado hai unha década".
Susana Lenguas declarou que agora "imos estudar todas as opcións e alternativas agora que coñecemos con exactitude o posicionamento do Concello e imos ver todas as vías para desatascar a mellora da zona portuaria de Raxó-Covelo do xeito máis acaído aos intereses dos veciños".
A presidenta deste organismo dependente da Consellería de Mar engadiu que "en todo caso, dende Portos de Galicia queremos o mellor para esta contorna tan importante da nosa rede portuaria e hoxe conseguimos que haxa unha vía de colaboración que consideramos fundamental, xa non só para estes espazos, senón tamén para un concello como o de Poio cun litoral de gran importancia", detallou.
Pola súa banda, o alcalde de Poio e o concelleiro de Urbanismo valoraron satisfactoriamente o encontro coa presidenta de Portos de Galicia.
Sobral e Agís coinciden á hora de salientar o "compromiso e a vontade de ambas institucións para avanzar no desenvolvemento destas obras".
"É importante que exista vontade para darlle un pulo a esta demanda histórica”, indican os dirixentes municipais, que deixan claro que "o Concello de Poio está disposto a colaborar na realización de actuacións, sempre que resulten asumibles para a Administración local".
O goberno local lembra que a mellora integral de ambos peiraos, cuxo convenio foi acordado e firmado hai máis dunha década, é un proxecto "indispensable para o tecido social, marítimo e turístico do noso municipio".
ATRAQUES NO PEIRAO DE SAN ADRIÁN DE COBRES
Tamén este luns, Susana Lenguas e Luisa Piñeiro mantiveron un encontro de traballo cos representantes municipais, da confraría de pescadores de Vilaboa e dos bateeiros da zona, no que se lles trasladou unha proposta de ampliación de prazas de amarre para o porto.
Desde Portos de Galicia, Susana Lenguas, avanzou que os servizos técnicos do ente público avaliarán esta proposta e definirán a súa viabilidade en función da demanda de atracada da que se ten constancia a día de hoxe. Así mesmo, trasladou a vontade do organismo portuario de dar unha solución ás demandas dos bateeiros que traballan na zona dos portos de Vilaboa e de Domaio.