Portos de Galicia remite ao Ministerio o informe para que autorice as verteduras da dragaxe do Lérez

Pontevedra
10 de abril 2025
Actualizado: 22:52

O documento final do Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas reitera que a zona exterior de Sálvora, debe ser considerada "alternativa prioritaria" para o conxunto das Rías Baixas

Lodos no río Lérez coa marea baixa BNG

A Xunta de Galicia vén de recibir o informe técnico definitivo do Centro de Estudios e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX), organismo técnico de recoñecido prestixio dependente do Goberno central, en relación á proposta de puntos de depósito dos áridos procedentes das dragaxes das Rías Baixas, nomeadamente a do Lérez, en Pontevedra.

Tras recibilo este mesmo xoves, Portos de Galicia remitirao de inmediato ao Ministerio de Transición Ecolóxica para que autorice o punto de depósito para as obras de dragaxe do Lérez, en exercicio da súa competencia.

A versión definitiva do informe, cuxo avance recibiuse o pasado mes de febreiro, mantén nas súas conclusións o punto E8, situado nas inmediacións da Illa de Sálvora, como "alternativa prioritaria" para o conxunto das Rías Baixas.

Este punto é o mesmo que se viña empregando ata abril de 2021 cando o Ministerio decidiu non autorizar ningún novo depósito nel á espera dun estudio de alternativas, paralizando a tramitación de todas as dragaxes do sur de Galicia.

Así mesmo, o informe definitivo mantén as recomendacións de vertido que se recollían no avance, establecendo o punto D (ao sur das Rías Baixas) como o máis acaído para as dragaxes que se executen na ría de Vigo, e o punto E8 para as da ría de Arousa.

Con todo, introduce unha novidade só no caso das dragaxes da ría de Pontevedra: se no avance recomendábase para estes casos o depósito no punto E8, no informe definitivo recóllese que poderá "verterse indistintamente na zona D ou na E8" e engade que "sería adecuado propoñer un enfoque individual en cada proxecto".

Este informe técnico non supón aínda a autorización para iniciar o depósito de áridos neste punto xa que esta competencia corresponde ao Ministerio que autorizará se procede un ou outro punto.

Por este motivo, Portos de Galicia remitirá inmediatamente este ditame técnico ao Ministerio de Transición Ecolóxica para que este informe favorablemente o punto de vertedura que permita iniciar a tramitación ambiental e posterior licitación das obras de dragaxe do Lérez, así como dos 16 paralizados ao sur da ría de Muros.