Portugal, Arxentina e Alemaña, os países que máis visitantes trouxeron a Pontevedra en Semana Santa

Pontevedra
19 de abril 2022

Os datos das persoas que se achegaron a solicitar información á oficina de turismo da praza de España indican, ademais, que no turismo nacional predominan os visitantes procedentes de Madrid, seguidos de Castela e León e do País Vasco

Turistas en Pontevedra
Turistas en Pontevedra / Mónica Patxot

A cidade de Pontevedra pecha a temporada turística de Semana Santa cunha impresión xeneralizada dun aumento considerable de visitantes.  

A Concellería de Promoción Económica e Turismo, a través de seu organismo Visit Pontevedra, ofrecerá proximamente un informe completo e detallado cos datos dos viaxeiros que visitaron a cidade.

Como avance, a concelleira desta área, Yoya Blanco, sinalaba as cifras de persoas que se achegaron á oficina de turismo para solicitar información, así como as que participaron nas visitas guiadas organizadas polo Concello.

Entre os días 11 e 17 de abril, a oficina de turismo situada na praza de España rexistrou 827 visitantes, dos que 763 foron nacionais (160 de Madrid, 141 de Castela e León e 71 do País Vasco) e 64 internacionais (26 de Portugal, 9 de Arxentina e 7 de Alemaña).

A edil de Turismo indicou que un total de 209 persoas participaron nas visitas guiadas organizadas polo Concello durante as pasadas xornadas, das que 203 foron nacionais (52 de Madrid, 29 de Castela A Mancha, 25 de Galicia e 24 de Castela e León) e seis estranxeiras (3 de Arxentina, 2 de Alemaña e unha doutro país europeo sen concretar).

"A ocupación hoteleira da cidade foi dun 85% o xoves, o venres e o sábado. Os que nos quedamos por aquí puidemos comprobar que había turistas por todas partes, viámolos cos mapas e visitando diferentes partes de Pontevedra", destacou Yoya Blanco.