Valoración positiva en Poio do 65% de ocupación hoteleira acadado na Semana Santa

Poio
19 de abril 2022

O Concello salienta que varios establecementos acadaron o 100% durante a fin de semana, a Oficina de Turismo de Combarro prestou asesoramento a preto de 350 persoas, mentres que outras 50 visitaron as dependencias da Casa Museo de Colón

Praia de Lourido (Arquivo)
Praia de Lourido (Arquivo) / PontevedraViva

A Semana Santa finalizou en Poio cuns rexistros de ocupación que superaron as expectativas previstas inicialmente polos profesionais do sector. A tenente de alcalde e concelleira de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), explica que as pernoitas rexistradas durante as datas festivas da pasada semana superaron o 65% de ocupación nos establecementos que estiveron operativos, cando as estimacións previas situábanse arredor do 60%. 

A edil do Goberno local apunta que varios negocios acadaron o 100% de ocupación durante a fin de semana, mentres que outros tamén se situaron por riba do 80%. Díaz fai unha valoración positiva destas cifras e confía en que "sexan o preludio dunha tempada estival de gran actividade para o sector turístico, que segue a ser un dos motores económicos e de dinamización principais de Poio".

Este 65% de ocupación sitúase en cifras superiores ás acadadas noutros anos, como é o caso de 2018 ou 2016, nos que os índices estiveron nun 60%. 

Por outra banda, os datos que manexa a Concellería de Turismo tamén constatan que a gran maioría de visitantes que recibiu Poio procedía doutras comunidades autónomas e de provincias galegas. Así o reflicten as visitas que recibiu a Oficina de Información Turística situada na antiga Escola do Campo de Combarro, na que se deu asesoramento a preto de 350 persoas. Ademais, medio cento de visitantes achegáronse ás dependencias da Casa Museo de Colón.