O Concello de Poio traballa estes días na posta a punto e acondicionamento do cemiterio municipal de San Xoán, coincidindo coa proximidade do Día de Todos os Santos, unha data na que moitas persoas se achegan aos camposantos para lembrar e render homenaxe aos seus seres queridos.
Aínda que as tarefas de mantemento se realizan ao longo de todo o ano, nestas datas o Concello reforza e intensifica os traballos, especialmente nas zonas verdes e nos accesos, para que o recinto presente o seu mellor aspecto durante as xornadas de maior afluencia.
Do mesmo xeito, nos cemiterios parroquiais tamén se están levando a cabo tarefas de limpeza e acondicionamento tanto nos accesos como nos aparcadoiros.
Para facilitar as visitas, o Concello reforzará a dotación de colectores e a recollida das papeleiras, garantindo así unhas condicións axeitadas e cómodas para todas as persoas que se acheguen.
Entre as melloras máis salientables no cemiterio municipal destaca a instalación dunha estrutura de aceiro inoxidable con metacrilato, que protexe fronte á choiva nunha das zonas de nichos.
Esta actuación responde a unha demanda veciñal, solicitada polos propietarios desde hai máis dunha década, co obxectivo de evitar filtracións e os efectos das inclemencias meteorolóxicas.
Desde o goberno local sublíñase que esta obra "non supón un investimento elevado, senón unha cuestión de planificación e vontade", e móstranse satisfeitos por poder dar resposta a "unha petición moi esperada pola cidadanía".