A caída de varios tramos do teito, un suceso que se rexistrou o pasado 24 de xaneiro, é unha mostra do "abandono" que, segundo o PP, sofre o mercado municipal de Frei Xoán de Navarrete.
Durante unha visita ás instalacións, a edil Silvia Junco alertou que este espazo "cae a pedazos" ante a falta de actuación por parte do goberno municipal.
Junco cualificou de "inaceptable" o que describe como a "desidia" do executivo local, ao que lle esixiu o arrego "inminente" destas instalacións.
O estado no que se atopa, engadiu a concelleira popular, supón un "risco evidente" para a seguridade dos traballadores e da clientela.
Sostén ademais que o goberno local leva dez días sen retirar os cascallos acumulados polos traballadores dos postos do mercado tras a caída do tellado.
Os donos e traballadores dos postos que aínda permanecen abertos, denuncia o PP, foron os encargados de asumir a situación, limpando, agrupando os cascallos e colocando cubos para recoller a auga das pingueiras provocadas polo mal estado das instalacións.
O PP de Pontevedra lembra que leva anos reclamando unha rehabilitación integral das instalacións municipais, que sufriron unha deterioración "progresiva e cada vez máis evidente" pola falta de mantemento do goberno pontevedrés.
Por iso, a concelleira popular pediu que, tras o rebo inmediato, se actúe sobre os teitos danados, as paredes con gretas e humidades, así como sobre as pingueiras que afectan de forma habitual ás galerías afectadas.
Junco concluíu sinalando que a deterioración do mercado é "incuestionable" desde hai anos, o que obrigou a moitos negocios a botar o peche.