O grupo municipal do PP de Caldas de Reis anunciou que defenderá o territorio do concello fronte ao trazado da Variante Oeste e Acceso ao Porto de Vilagarcía á AP-9 tanto no Congreso dos Deputados como no Parlamento Galego, ao considerar que causa "importantes afeccións e derruba vivendas en ata catro parroquias".
O voceiro municipal, Fernando Pérez, convidou esta semana ao deputado nacional Juan Bayón e ao autonómico Raúl Santamaría ao encontro informativo celebrado na parroquia de Godos, unha das máis afectadas xunto con Santa María, para que coñecesen a problemática.
Ambos anunciaron que articularán iniciativas contra o proxecto nas respectivas cámaras.
Pérez criticou duramente a postura do goberno socialista local, ao que acusa de "desamparo total" e de "estar agochado" por non enfrontarse aos seus compañeiros socialistas de Madrid.
O líder popular denunciou que o modelo de alegacións proposto polo executivo municipal "é unha trampa que supón aceptar de facto un trazado que rebenta o noso concello".
O PP local considera que Caldas precisa "urxentemente unha variante Oeste que permita desconxestionar o tráfico", pero non entende por que o Ministerio non analizou a proposta unánime do Pleno trasladada en 2007 e 2008, que considera "a única solución viable ao problema do tráfico sen destrozar os nosos núcleos de poboación".
Os populares están a rematar as súas propias alegacións e recollendo sinaturas dos veciños afectados. Ademais, anunciaron que pedirán colaboración á Xunta e á Deputación, apoiarán a constitución de plataformas de afectados e tratarán de crear unha fronte común con Portas e Vilagarcía de Arousa.
Pérez concluíu que o PP mantén a mesma postura sobre a Variante Oeste "desde hai máis de quince anos" e estará "ata o final" defendendo que calquera nova proposta debe partir do acordo unánime do Pleno de 2008, que "non fendía Tivo, Barreiros e os Castaños polo medio, nin contemplaba actuación algunha en Godos", segundo sinala o portavoz popular.