O grupo municipal do Partido Popular de Pontevedra defenderá no próximo pleno unha moción centrada en Monte Porreiro coa que propón impulsar o comercio de proximidade, mellorar distintos servizos do barrio e coñecer o estado de execución dos proxectos anunciados polo Concello para esta zona da cidade.
A iniciativa, presentada pola concelleira Silvia Crespo, expón medidas para favorecer a ocupación de locais baleiros, reforzar a colaboración coa UNED e ampliar a oferta de servizos co obxectivo de reducir os desprazamentos dos veciños a outras zonas de Pontevedra.
A moción exposta polos populares tamén recolle propostas relacionadas co mantemento urbano. Entre elas figuran actuacións en beirarrúas, parques infantís, iluminación, limpeza viaria, arboledo, zonas de sombra, xestión de residuos e mobiliario urbano.
Ademais, o PP solicita ao goberno local que estude fórmulas para recuperar un servizo bancario no barrio, unha demanda que, segundo o grupo popular, afecta especialmente ás persoas de maior idade.
"Non falamos só dun caixeiro ou dunha oficina, falamos de autonomía, de comodidade e de garantir que ninguén quede atrás", engadiu a concelleira.
Estas propostas, explica Silvia Crespo, débense a que esta zona de Pontevedra necesita unha mellora substancial "dos pequenos detalles que fan que un barrio sexa máis cómodo, máis agradable e máis habitable".
Outro dos puntos da iniciativa reclama a elaboración dun informe municipal no que se detalle o grao de execución das actuacións anunciadas para Monte Porreiro por parte do goberno local, indicando cales están finalizadas, cales se atopan en marcha, cales seguen pendentes e o orzamento destinado a cada unha delas, así como os posibles motivos dos atrasos.
"Monte Porreiro debe avanzar con planificación, con transparencia e cun rumbo claro. Os grandes investimentos son fundamentais; pero deben ir acompañadas de mantemento diario, pequenos detalles que melloren o benestar dos cidadáns e melloras urbanas que os veciños se atopen cada mañá ao saír das súas casas", concluíu Silvia Crespo.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.