O PP integra a Xuntos Por Ribadumia no goberno municipal

O Salnés
24 de xaneiro 2026
Actualizado: 12:18

O acordo supón a integración do seu voceiro, Ramiro Lorenzo, tanto no PP como no goberno local

Acordo de integración no PP de Xuntos Ribadumia PP de Pontevedra

O Partido Popular de Ribadumia incorpora ao partido independente Xuntos Por Ribadumia ao executivo municipal.

O acordo, que supón a integración do seu voceiro, Ramiro Lorenzo, tanto no PP como no goberno local, foi asinado este sábado no vestíbulo do Auditorio municipal nun acto aberto aos medios.

O alcalde, David Castro, estivo arroupado por todo o seu equipo de goberno, que xa conta con maioría absoluta ao sumar 7 dos 13 concelleiros da corporación, e tamén por destacados dirixentes provinciais do PP, como o presidente da Deputación e do partido na provincia, Luis López, e a secretaria xeral, Luisa Piñeiro.

Castro destacou que "con este acordo buscamos unir a todo o centro-dereita de Ribadumia para ter un proxecto aínda máis forte e, sobre todo, ofrecerlle o mellor goberno aos nosos veciños, que son o máis importante".

O rexedor subliñou que esta integración non responde a unha necesidade numérica, xa que o PP goberna con maioría absoluta, senón á vontade compartida de sumar esforzos nun contexto político "volátil" e afastarse das leas que, ao seu xuízo, dominan a política actual.

"É un exemplo de entendemento e xenerosidade", sinalou o alcalde, que agradeceu expresamente a disposición de Ramiro Lorenzo e de Xuntos Por Ribadumia para incorporarse ao proxecto popular.

Pola súa banda, o edil independente explicou que as coincidencias entre ambas formacións veñen de lonxe. "Desde antes das eleccións xa había máis puntos en común que diferenzas, e co paso do tempo comprobamos que o traballo conxunto era o mellor para Ribadumia", afirmou Lorenzo, quen considerou que o acordo é fácil de entender porque "todos, e sobre todo o pobo, saímos gañando".

Acordo de integración no PP de Xuntos Ribadumia.  PP de Pontevedra

O peche do acto correu a cargo de Luis López, que aplaudiu a integración como un exemplo da política de "brazos abertos" do PP. Segundo destacou, este tipo de acordos responden á vontade de unificar o centro-dereita, conformar equipos fortes e, sobre todo, "escoitar, entender e atender á xente, que é o realmente importante".