O PP pide a paralización da A-57 e conectar o tramo xa en funcionamento co polígono do Campiño

Pontevedra
06 de novembro 2025

Rafa Domínguez, portavoz municipal do Partido Popular, sinala que executar as dúas fases pendentes desta estrada sería desperidicar "de maneira groseira o diñeiro público"

Rafa Domínguez pide a conexión da A 57 co polígono do Campiño
Rafa Domínguez pide a conexión da A 57 co polígono do Campiño / PP de Pontevedra

O portavoz municipal do Partido Popular de Pontevedra, Rafa Domínguez, xunto aos concelleiros Beatriz Rey e Martín Martínez, anunciou este xoves a presentación dunha moción no próximo Pleno para solicitar a paralización das obras da autovía A-57 e aproveitar a infraestrutura xa construída para conectala cos polígonos industriais do Campiño (Pontevedra) e A Reigosa (Ponte Caldelas).

Domínguez argumentou que o proxecto da A-57, proxectado no século pasado como circunvalación da cidade, "perdeu a súa utilidade" e non se xustifica que se desenvolvan as seguintes fases da obra.

O primeiro tramo entre Vilaboa e Marcón rexistra, segundo o PP, "moi pouca circulación", e as dúas fases restantes carecen de sentido, pois "non van mellorar nin retirar tráfico da cidade".

O portavoz popular fixo fincapé no "custo altísimo para as parroquias afectadas", mencionando que o proxecto impactaría a unhas 200 construcións, entre as que se atopa o colexio de Xeve. As zonas afectadas incluirían Bora, Santo André e Santa María de Xeve.

"Carece de sentido continuar con esta inversión e sería desperdiciar de maneira groseira o diñeiro público", asegurou Rafa Domínguez.

CONEXIÓN DA ESTRADA

A proposta do PP céntrase en aproveitar o diñeiro xa investido no tramo inicial e darlle un novo uso á A-57 que está en funcionamento

En consonancia, segundo manifestou Domínguez, coa liña da Xunta de Galicia polo desenvolvemento industrial, solicitan que o tramo finalizado se una aos polígonos do Campiño, que ten prevista unha ampliación con 166.000 metros cadrados, e A Reigosa, esixindo ao Goberno central a execución desa conexión directa e tamén coa AP-9 en dirección a Vigo.

Domínguez insistiu en que a AP-9, unha vez que se faga efectiva a promesa da súa liberación de peaxe, "cumprirá con esa función de circunvalación" de Pontevedra tan demandada. Por iso, reclaman que a A-57 se paralice e queden sen executar as fases da Ermida-Pilarteiros e de Pilarteiros-Barro.

Beatriz Rey, Rafa Domínguez e Martín Martínez, do PP
Beatriz Rey, Rafa Domínguez e Martín Martínez, do PPPontevedraViva

"Queremos aproveitar as infraestruturas xa realizadas e darlle un sentido", afirmou o portavoz, engadindo que non se pode permitir que continúe "unha infraestrutura deseñada no anterior século" que agora precisa un investimento "mil millonario".

O PP espera a "comprensión dos outros partidos" da corporación, BNG e PSOE. para apoiar esta moción que busca evitar o malgasto nunha "infraestrutura innecesaria e carísima".