O Partido Popular volve reclamar ao Goberno central a elaboración do estudo sobre o custo económico que suporían o rescate e a gratuidade da autoestrada AP-9 en cumprimento do mandato trasladado tanto polo Parlamento galego como polo Congreso dos Deputados.
Faino a través dunha pregunta que veñen de rexistrar os deputados galegos Celso Delgado, Tristana Moraleja e Pedro Puy; representantes do grupo popular na ponencia encargada de debater a Proposición de Lei Orgánica de transferencia da titularidade e competencias da autoestrada do Atlántico a Galicia na Cámara Baixa.
No seu escrito demandan saber se o Ministerio de Transportes elaborou xa dito estudo do mesmo xeito que o ten feito o goberno galego, o cal en xuño de 2024 encargou a unha empresa experta e independente un estudo pormenorizado do custe económico dos diferentes escenarios en torno ao futuro da autoestrada.
Os populares galegos recordan que o 25 de setembro de 2024 o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade unha Proposición non de lei na que se solicitaba ao Goberno de España a elaboración dun estudo serio e minucioso sobre o custo que suporía o rescate e a gratuidade da AP-9.
Anteriormente, no Pleno do Congreso celebrado o 13 de xuño de 2024 e con ocasión do debate dunha moción sobre a autopista do Atlántico, xa fora aprobado un texto no que, na mesma liña, instaba tamén ao Goberno a encargar un estudo no que se explorasen as vías xurídicas para a anulación da prórroga e a avaliación dos custos económicos que tería para o Estado a asunción da xestión directa da AP-9.
Cómpre recordar que as bonificacións aprobadas polo Goberno central para os usuarios desta autoestrada implican un cambio substancial no escenario no que se enmarcaba o debate sobre os custos da súa transferencia e recate, que conlevaría tamén a gratuidade do viario.
Coas novas cifras, o custo da indemnización por rescate aplicando unha taxa de desconto (2.331 millóns de euros) e o custo das bonificacións ata final de concesión, aseméllanse de xeito considerable. De aí que desde o PPdeG inviten ao ministro Oscar Puente a "reflexionar" acerca da oportunidade de levar a cabo o rescate da concesión.