O debate sobre a corrupción que afecta, segundo o PP, á contorna "persoal e política" de Pedro Sánchez chegará á corporación provincial de Pontevedra. Será a través do pleno extraordinario que convocou o goberno que preside o popular Luís López para este venres 20 de xuño.
A sesión, que se celebrará ás 13:00 horas, tratará como único punto na orde do día, unha moción presentada polo grupo popular para, entre outros puntos, esixir a disolución das Cortes e a convocatoria de eleccións xerais.
"Estamos ante unha etapa terriblemente escura de deterioración institucional e suposta corrupción que acurrala ao presidente do Goberno", apuntou o portavoz provincial do PP, Jorge Cubela, que ve en Sánchez un "discurso ditatorial" para tapar estes feitos.
Pedro Sánchez e o PSOE, segundo o dirixente popular, "están a sumir á institución máis alta do Estado nunha situación de crise de confianza da maior dimensión e, lonxe de colaborar, ataca a quen non lle baila a auga ante un malestar cidadá practicamente unánime".
A iso, Cubela sumou a "actitude indulxente" dos socios de Sánchez e, principalmente, do BNG, quen ao seu xuízo está protagonizado unha "postura de covardía e complicidade" que considera que é unha "auténtica aberración e vergoña".
Os populares instarán á corporación a mostrar un "rexeitamento expreso" a esta corrupción e a condenar os ataques aos xuíces e xornalistas "que están a destapar estas tramas".
Ademais, o PP esixirá a "inmediata depuración de responsabilidades políticas", que os socios do Goberno revisen os seus acordos políticos ou que se adopten as medidas necesarias para garantir "colaboración activa" con todas as instancias que investigan estas irregularidades.
A moción inclúe tamén solicitar a retirada de todos os nomeamentos e recoñecementos protocolarios ou condecoracións "en favor de persoas vinculadas con estas tramas de corrupción" e, particularmente, á expresidenta de ADIF, Isabel Pardo de Vera.
O BNG NON ACUDIRÁ AO APRECIAR UN USO "PERVERSO"
Ante a convocatoria deste pleno extraordinario, os catro deputados do BNG xa anunciaron que non acudirán á sesión e deixarán baleiros os seus asentos, ao considerar que o PP está a utilizar a institución provincial "de maneira perversa".
O portavoz nacionalista, César Mosquera, asegurou que o seu partido "non entrará no xogo" dos que pretenden facer unha "campaña partidista" nun foro "que non é o axeitado", ao tratarse dunha cuestión "allea" ao funcionamento da institución.
Mosquera lamentou que a única estratexia do PP sexa "encender outro ventilador máis e dar máis rebumbio á polémica" para aumentar o descrédito do executivo estatal "en beneficio propio", respondendo os intereses dos populares en Madrid.
Ademais, subliñou que esta convocatoria extraordinaria supón facer un uso "indebido" dos espazos e recursos públicos, xa que a participación no pleno suporá o pago da sesión aos deputados e os habituais gastos xerais de funcionamento.