O PP de Pontevedra denunciou este mércores a "parálise absoluta" de obras importantes na cidade como a remodelación do nó de bombeiros, o novo viario de acceso a Mollavao ou a finalización do paseo peonil a Marín.
Ademais de denunciar o parón nas obras, o portavoz municipal do PP, Rafa Domínguez, non dubidou en responsabilizar o goberno local do BNG, a pesar de ser actuacións que dependen do goberno central.
Así, atribúe os atrasos destas obras á "parálise na xestión do Goberno de Pedro Sánchez" e "ás investigacións por corrupción no Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif)", que mantén bloqueados permisos esenciais como o necesario para poder licitar o novo viario de Mollavao.
E a responsabilidade do BNG sería por apoiar a Pedro Sánchez na súa investidura como presidente do Goberno e por manter o apoio agora.
"O BNG é cómplice porque sostén a Sánchez no poder a pesar de que as investigacións por corrupción, como a que afecta a Adif, están a prexudicar directamente a Pontevedra e a proxectos fundamentais como o novo viario de Mollavao", sostén Rafa Domínguez.
Domínguez referiuse á "incerteza absoluta" que hai ao redor deste tres obras, que considera "fundamentais" para o futuro da cidade.
No caso da obra de Mollavao, "o atraso é inxustificable porque os prazos empezan a correr en contra do proxecto e a actuación debe estar executada antes de que finalice o 2026".
O concelleiro de Obras, César Mosquera, indicou o martes que Adif está paralizado polos supostos escándalos de corrupción. Ao día seguinte, Rafa Domínguez indica que coincide con el, pero engade que lle parece "incrible a hipocrisía de Mosquera" ao apuntar que o goberno central está paralizado cando no BNG "son cómplices de que Pedro Sánchez siga ancorado ao poder a pesar dos indicios evidentes que afectan ao seu partido e á cúpula do seu goberno".
Rafa Dominguez indica que "é indubidable de que os casos de corrupción están a afectar directamente a obras xa iniciadas en Pontevedra" e conclúe que "o BNG debe romper o seu apoio ao PSOE e o presidente do Goberno debe convocar eleccións de inmediato".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.