O PP volve reclamar a reapertura ao tráfico de Raíña Vitoria

Pontevedra
24 de xaneiro 2026

Representantes do grupo municipal popular percorreron as contornas de San Antoniño, Rosalía de Castro e Palamios para recoller as queixas e demandas de veciños e comerciantes

Silvia Junco, Pepa Pardo y Beatriz Rey
Silvia Junco, Pepa Pardo y Beatriz Rey / PP de Pontevedra

O Partido Popular de Pontevedra volveu a cargar contra o goberno local do BNG no Concello da capital tras unha nova rolda de visitas a distintos barrios da cidade.

Nesta ocasión, representantes do grupo municipal popular percorreron as contornas de San Antoniño, Rosalía de Castro e Palamios para recoller as queixas e demandas de veciños e comerciantes, centradas principalmente no estado dos barrios e no peche da avenida Raíña Vitoria.

Segundo explica o PP, en San Antoniño os residentes e comerciantes trasladaron o seu malestar polas limitacións de estacionamento, actualmente fixadas en 15 minutos. Reclaman ampliar ese tempo polo menos até os 30 minutos para facilitar as compras e revitalizar unha zona que, ao seu xuízo, sofre falta de iluminación, escasos investimentos municipais e unha sensación de abandono prolongada no tempo.

Nesta mesma área, os populares tamén puxeron o foco na zona de Altamira. Lembran que existe un proxecto de reforma apoiado por preto de 500 firmas veciñais do que, aseguran, non se coñecen avances. Desde o PP preguntan ao goberno local polo estado desa iniciativa e reclaman un compromiso do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, cos barrios da cidade.

A visita continuou en Rosalía de Castro e Palamios, onde o peche ao tráfico da avenida Raíña Vitoria volveu centrar as críticas. Comerciantes da zona trasladaron ao PP que a peonalización desta vía, unha das principais arterias da cidade, está a ter un impacto negativo na actividade económica e na vida cotiá do barrio, segundo a súa percepción.

Desde o grupo popular insisten en que o peche de Raíña Vitoria produciuse de maneira excepcional durante a pandemia e consideran que o seu mantemento carece de xustificación na actualidade.

Neste contexto, reclaman que o goberno municipal execute o acordo plenario que aprobou a reapertura ao tráfico e acusan tanto ao BNG como ao PSOE de non atender esta demanda veciñal. No caso dos socialistas, o PP lembra que a reapertura figuraba no seu programa electoral, a pesar do cal apoiaron a investidura do actual alcalde.

O Partido Popular asegura que continuará con estas visitas a barrios e parroquias de Pontevedra para recoller inquietudes veciñais e trasladalas ao pleno municipal, defendendo que a política local debe facerse, din, "a pé de rúa" e en contacto directo coa cidadanía.