Praia de Compostela, praia sen fume

O Salnés
16 de xuño 2021

Os concelleiros de Sanidade e de Praias, Matilde Laya e Diego García, izaron na tarde deste martes a bandeira que alerta de que este areal de Vilagarcía pertence á Rede Galega de Praias sen fume coa intención de desnormalizar o consumo de tabaco en espazos públicos e naturais. A campaña non implica sancións pero fai un chamamento a respectar este espazo reservado

Izado da bandeira de Praia sen Fume na praia de Compostela Concello de Vilagarcía de Arousa

A praia de Compostela, no municipio de Vilagarcía de Arousa, estreaba este martes pola tarde a bandeira que acredita que este areal forma parte da Rede Galega de Praias sen Fume, unha iniciativa da Dirección Xeral de Saúde Pública, que apoia o Concello de Vilagarcía.

Matilde Laya, concelleira de Sanidade, e Diego García, concelleira de Praias, encargáronse de izar este distintivo, que indica que esta praia é un espazo libre de tabaco durante este verán. Con esta proposta pretenden desnormalizar o vicio de fumar en espazos públicos e naturais, ademais de informar á poboación sobre os beneficios que ten para a saúde abandonar este hábito.

Esta medida non implica a imposición de sancións, pero desde o Concello fan un chamamento para que os bañistas respecten este espazo reservado xa que, a pouca distancia, se atopa a praia da Concha, que non forma parte desta campaña.

Ao longo do verán realizaranse actividades e accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco. Esta praia será promocionada na web da Consellería de Sanidade e doutras entidades, ademais de incluírse en folletos turísticos da comunidade autónoma e formará parte dunha rede de excelencia.