Preguntan pola opción de establecer unha clínica sanitaria no local do antigo cine Gónviz

Pontevedra
09 de xaneiro 2026

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, informou sobre a consulta dunha sociedade para converter o patio de butacas nun espazo sanitario con acceso desde a rúa Castelao

Galería lateral do antigo cine Gónviz
Galería lateral do antigo cine Gónviz / Cristina Saiz

O concelleiro de Urbanismo, Alberto Oubiña, deu a coñecer os asuntos tratados na última comisión, destacando unha pregunta realizada por unha sociedade que estuda a opción de recuperar un dos espazos máis destacados da cidade e que leva décadas en desuso: o antigo cine Gónviz.

A sociedade mercantil Granxola Inversiones presentou unha consulta urbanística para estudar a viabilidade de transformar o antigo patio de butacas do cine nun centro de uso sanitario.

O proxecto contempla a creación dun consultorio médico que albergaría arredor de 20 consultas e tería capacidade para unhas 105 persoas.

A proposta conta cun informe técnico favorable dos técnicos municipais, fundamentado nunha solución clave para a accesibilidade e seguridade do local ao contemplar unha saída pola rúa Castelao no punto onde agora existe un establecemento de venda e reparación de móbiles.

O novo centro non só ocuparía os 645 metros cadrados da antiga sala de proxección, senón que se agregaría o local no número 6 da rúa Castelao, o que lle daría unha fachada e un acceso principal nesa vía, ademais doutro acceso a través da galería que conecta con Frei Juan de Navarrete.

"A apertura por Castelao resolvería o problema de evacuación que mantiña o local bloqueado desde o Nadal de 2001", explicou Oubiña, afirmando que ese foi o motivo de desbotar outras iniciativas previas como a da creación dun café-teatro nese espazo.

Local da Rúa Castelao onde proxectan a fachada do centro sanitario que queren crear no antigo cine Gónviz
Local da Rúa Castelao onde proxectan a fachada do centro sanitario que queren crear no antigo cine GónvizCristina Saiz

O cambio de uso de "social-asistencial", categoría que tiña como cine, a "sanitario-administrativo" considérase compatible segundo os informes municipais.

A actuación limitaríase á planta baixa, mantendo o entresollado e o anfiteatro sectorizados para futuros proxectos con acceso por Frei Juan de Navarrete.

Plano da proposta realizada para crear a clínica sanitaria no patio de butacas do Gónviz
Plano da proposta realizada para crear a clínica sanitaria no patio de butacas do GónvizConcello de Pontevedra

O concelleiro cualificou a proposta como "unha moi boa noticia" para o centro urbano pero lembrou que só se trata dunha consulta urbanística por parte dos promotores, que deberán presentar un proxecto para desenvolver esta obra.

Galería lateral ao antigo cine Gónviz
Galería lateral ao antigo cine GónvizCristina Saiz

PROPOSTA DO PP

Outro dos eixes centrais da comisión foi a moción presentada polo Partido Popular para iniciar un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).

A proposta foi votada en contra polo BNG, coa abstención do PSOE e o único apoio dos populares.

Oubiña asegurou que un novo plan non é prioritario e podería sumir á cidade nun "limbo xurídico", paralizando proxectos en marcha como aconteceu en Vigo ou Ourense.

Ademais, sinalou que o plan actual permite a construción de ata 8.000 novas vivendas no núcleo urbano e no caso de rural a cifra sitúase arredor de 12.000 vivendas máis, sumando un total de 20.000.

Desde o goberno local indican que o a cifra real de edificabilidade quedará determinada polo estudo sobre o estado da vivenda, que está en licitación.

En todo caso, o concelleiro afirmou que o ritmo actual de edificación supera as 600 vivendas anuais.

"Este goberno non vai tragar con que se consolide o papel de ENCE na ría a través dun novo PXOM", sentenciou o concelleiro en relación coa petición do Partido Popular sobre o plan urbanístico.

A comisión tamén deu luz verde de xeito unánime a unha modificación do Peprica relativa ao espazo da antiga capela de San Bartolomeu, que irá ao vindeiro pleno.

Espazo do antigo almacén Barcia en César Boente
Espazo do antigo local de almacenes Barcia en César BoentePontevedraViva

En canto á proliferación de vivendas turísticas, informouse negativamente sobre unha consulta para un edificio de uso turístico ou residencial no antigo local de establecementos Barcia na rúa César Boente.

Os promotores pretendían converter o inmoble en VUT, pero ao ter o edificio un uso orixinal "terciario" desde 1976 e non residencial, a normativa actual impide o cambio directo.

Deberán tramitar primeiro o cambio a uso residencial para toda a estrutura antes de poder optar á explotación turística, segundo apuntou o edil.

Para rematar, Alberto Oubiña insistiu en que estas solicitudes demostran que "a cidade está viva e ten futuro", lembrando que a todas as comisións se achegan proxectos importantes para o municipio.