Premio ao esforzo escolar para que o legado de Ernestina Otero "permaneza vivo e non se borre na historia"

Pontevedra
17 de novembro 2022

Alumnado dos centros educativos pontevedreses CEIP San Martiño de Salcedo, CPR Sagrado Corazón de Placeres e IES Sanchez Cantón sumouse este xoves á lista de condecorados cos premios Ernestina Otero Sestelo. Os condecorados recibiron o seu recoñecemento este xoves nun acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra 

Entrega dos premios Ernestina Otero 2022 Mónica Patxot

Alumnado dos centros educativos pontevedreses CEIP San Martiño de Salcedo, CPR Sagrado Corazón de Placeres e IES Sanchez Cantón sumouse este xoves á lista de condecorados cos premios Ernestina Otero Sestelo, que recoñecen os proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero.

Desde o ano 2018, este galardón busca darlle valor a aqueles proxectos que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades e este ano premiou tres traballos destes tres centros educativos que así o fan. 

Os condecorados recibiron o seu recoñecemento este xoves nun acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, quixo animar a "seguir traballando pola igualdade de mulleres e homes no día a día dos centros de ensino do noso concello".

Tamén quixo que estes premios e este acto sirvan para para honrar a memoria de Ernestina Otero Sestelo e que "o seu nome e o seu legado permaneza vivo e non se borre na historia".

O xurado da cuarta edición dos premios concedeu o primeiro premio na categoría de educación infantil e primaria ao proxecto 'Unha mirada violeta' do CEIP San Martiño de Salcedo por aplicar unha perspectiva de traballo pola igualdade que se desenvolveu en todos os cursos de educación infantil e primaria, "conseguindo a implicación de todo o profesorado e alumnado" e por "proporcionar ferramentas para a análise da sociedade que nos rodea (contos, cancións, noticias...) dende unha perspectiva de respecto e igualdade".

Manuel Puga Pereira, neto e biógrafo de Ernestina Otero Sestelo e presidente da Fundación Penzol, entregou o premio a unha representación de alumnado de este centro.

O segundo premio foi para o proxecto 'Patios activos para educación infantil e primaria' do CPR Sagrado Corazón de Placeres por facer unha análise dos recreos e da ocupación dos espazos, "traballando pola participación e inclusión por igual de nenas e nenos en todos os xogos" e "apostar polos patios inclusivos".

Melisa Orbán Fernández, axente da Policía Local de Pontevedra que traballa na unidade de violencia de xénero, fixo entrega do premio. 

Na categoría de educación secundaria e postobrigatoria non universitaria o segundo premio declarouse deserto e o primeiro foi para o proxecto 'Na súa memoria, na nosa memoria' do IES Sanchez Cantón.

Manuela Vilaboy , xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, foi a encargada de entregar este premio, que se concede pola "ampla implicación transversal" de todos os departamentos e por visibilizar a memoria das mulleres que foron represaliadas e silenciadas durante a Guerra Civil e a posguerra. Tamén se lle recoñece a divulgación pública na web de todas as actividades realizadas no ámbito de igualdade.

O acto incluíu unha pequena proxección dun resumo en vídeo dos proxectos gañadores e unha actuación final de Tareixa Alonso, de Pavís Pavos