Premios para a innovación universitaria que desestacionalice o turismo nas praias das Rías Baixas

Pontevedra
26 de xullo 2025

A iniciativa está destinada ao alumnado da da Universidade de Vigo e da Coruña que defenderan e aprobaran o seu TFG ou TFM nas convocatorias do curso académico 2023/2024 e 2024/2025

Praia de Bueu
Praia de Bueu / Pablo Ajuria

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha o I Premio a Experiencias Turísticas Praias sen Límites, unha iniciativa destinada a incentivar boas prácticas que axuden a reducir a estacionalidade nas praias das Rías Baixas.

O galardón, dotado con 1.000 euros, busca recoñecer e visibilizar o talento investigador do alumnado de turismo no desenvolvemento de novas propostas turísticas para os areais da provincia.

O obxectivo do proxecto consiste en impulsar a xeración de produtos ou servizos turísticos novos, creativos e tecnoloxicamente avanzados, viables para a súa incorporación ao mercado e orientados a crear experiencias que permitan gozar das praias máis aló da tempada de verán.

A convocatoria está aberta a estudantes da Universidade de Vigo e da Coruña que defendan e aprobado o seu traballo fin de grao ou fin de máster oficial en calquera das convocatorias do curso académico 2023/2024 e 2024/2025. O prazo para presentar candidaturas permanecerá aberto até o 31 de xullo.

O traballo gañador, ademais da dotación económica, será publicado na web www.playasinlimites.es e difundido como exemplo inspirador para a posta en común de iniciativas que contribúan a potenciar este turismo en toda España.

As bases completas do galardón foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).

O premio enmárcase no proxecto Praias sen límite, unha acción cun orzamento de 150.000 euros financiado en parte polo Ministerio de Industria e Turismo a través do programa Experiencias Turismo España.

Este programa ten como fins principais impulsar o turismo de sol e praia dunha maneira sostible, pór en valor o patrimonio material e inmaterial dos territorios e fomentar a súa promoción internacional.

Entre as iniciativas que coordina a Deputación de Pontevedra dentro deste proxecto figuran a creación de espazos familiares nas praias, o fomento do goce costeiro con mascotas e o deseño de rutas de sendeirismo pola costa.