"Preocupación" no PSOE pontevedrés ante a "elevada incidencia" dos trastornos de saúde mental

Pontevedra
29 de xuño 2022

A agrupación socialista de Pontevedra acaba de constituír o órgano de asesoramento da súa Comisión Executiva Local en materia de temas sanitarios e, logo da súa primeira sesión de traballo, sinalaron que a área sanitaria de Pontevedra se atopa nunha situación de "emerxencia sanitaria insostible" e que "supón un risco para a saúde"

Reunión constitutiva do grupo de traballo de Sanidade da Comisión Executiva da agrupación socialista de Pontevedra
Reunión constitutiva do grupo de traballo de Sanidade da Comisión Executiva da agrupación socialista de Pontevedra / PSdeG-PSOE Pontevedra

A agrupación socialista de Pontevedra acaba de constituír un órgano de asesoramento da súa Comisión Executiva Local en materia de temas sanitarios e, logo da súa primeira sesión de traballo, amosou a súa "preocupación" pola situación da atención á saúde mental. 

Esta preocupación céntrase na "elevada incidencia" de trastornos de saúde mental, en especial dos trastornos da ansiedade, depresivos, psicosomáticos e por abuso de substancias (alcol e outras drogas), así como pola elevación da taxa de suicidio, que se dá maioritariamente en situacións de crises sanitarias e económicas

Esta situación resulta "preocupante" tendo en conta as ratio de Psiquiatría, psicoloxía clínica e persoal de enfermaría especialista en saúde mental, que "son as máis baixas do Estado".

En canto a este órgano recentemente formado, trátase dun grupo de traballo composto por unha vintena de membros. A reunión constitutiva serviu para analizar de xeito xeral o estado da Sanidade galega e asegura que as conclusións ás que se chegaron "non poden ser máis preocupantes", especialmente no ámbito da Atención Primaria, ao considerarse que a área sanitaria de Pontevedra se atopa nunha situación de "emerxencia sanitaria insostible" e que "supón un risco para a saúde".

Esta situación ten unha "inevitable repercusión" no resto dos niveis asistenciais, ao traducirse nunha "elevada" carga de traballo para os profesionais, o que conduce a "cansazo, fatiga e estrés", ao que se lle suman xornadas laborais "extenuantes"

Segundo denuncian, este escenario está dando lugar a lista de agarda de varios días para a atención aos pacientes por primeira vez na historia, mesmo telefónica, e á consideración da atención presencial como algo en certo modo excepcional.

Ao grupo parécenlle "inaceptables" as declaracións do conselleiro de Sanidade nas que recoñece a súa incapacidade para resolver esta situación por falta de profesionais, xa que, na súa opinión, esta situación de escaseza de profesionais non é homoxénea en todos os territorios do Estado e "é consecuencia, en boa medida, das pésimas condicións laborais e as escasas perspectivas profesionais que ofrece o goberno da Xunta de Galicia". 

 O grupo de traballo tamén expresou a súa preocupación ante algúns aspectos relevantes da Atención Especializada, como son as longas listas de agarda tanto en consultas de especialistas como nas intervencións cirúrxicas e a crecente derivación á Sanidade Privada. 

Neste contexto, os socialistas rexeitan o peche de camas previsto para o verán, "medida inaceptable por imprudente e temeraria nun momento de novo repunte de casos de Covid, que eventualmente ocupará unha elevada porcentaxe de camas que deberían ser utilizadas para axilizar a lista de agarda cirúrxica xerada nos momentos máis difíciles da pandemia".

En atención á gravidade da situación na Atención Primaria e á urxencia na busca de solucións, o grupo adoptou o acordo de celebrar, nas vindeiras semanas, un acto de debate público para analizar esta cuestión, no que contarán coa participación de representantes de asociacións profesionais e doutras entidades sociais relacionadas coa Atención Primaria