O goberno local de Pontevedra mantivo na tarde do mércores un encontro coa Asociación de Veciños O Mirador de Monte Porreiro para presentarlles os proxectos de mellora que se financiarán a través dos fondos europeos EDIL (Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local).
Os concelleiros Alberto Oubiña, responsable do barrio, e Raimundo González, responsable dos fondos europeos, foron os encargados de expor as iniciativas previstas para Monte Porreiro, que recibirá máis do 50% dos 10 millóns de euros solicitados ao FEDER.
Entre os proxectos destacados para Monte Porreiro inclúense a reforma do centro social, coa creación dunha aula TIC; a construción dun novo pavillón municipal de deportes; a renovación integral do campo de fútbol-rugby; a rehabilitación das rúas Alemaña, Irlanda, Luxemburgo e Reino Unido; e a creación dunha nova zona verde no barrio. Ademais, tamén se prevé a remodelación da Praza de Europa.
A EDIL tamén inclúe intervencións noutras zonas da cidade, como o barrio de A Seca-Valdecorvos, onde se proxecta un espazo de centralidade na cuberta da vía do tren, o acondicionamento da entrada ao barrio e a creación de zonas inundables co tratamento das áreas verdes.
Outro dos proxectos é o parque da Parda, que xa está adxudicado e conta con fondos propios para o seu inicio. Completa a estratexia a implantación de solucións TICs para os servizos municipais.
O Goberno local iniciou hai semanas o proceso de información sobre a EDIL, facendo partícipes aos integrantes do Consello Económico e Social e á Federación de Asociacións de Veciños Castelao.
Nesta ocasión, a reunión centrouse en Monte Porreiro, xa que é o barrio máis beneficiado desta nova liña de financiamento europea.