Preto de 150 escolares recibirán formación sobre a compostaxe

Poio
21 de febreiro 2018

O Plan Revitaliza da Deputación de Pontevedra pon en marcha actividades e charlas sobre a técnica a docentes e alumnos do CEIP Chancelas de Poio. Nenos de primeiro e segundo de primaria xa tiveron a oportunidade de achegarse ó tema

Nenos do CEIP Chancelas aprendendo sobre compostaxe
Nenos do CEIP Chancelas aprendendo sobre compostaxe / Deputación de Pontevedra

O Plan Revitaliza da Deputación segue na súa misión polo cumprimento dos obxectivos da UE en canto a reutilización e reciclaxe. Esta vez son preto de 150 escolares os que recibirán información sobre a actividade da compostaxe, grazas ao traballo de técnicos de educación ambiental do CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia), co que teñen un convenio de colaboración.

Durante a última semana, profesores e escolares do CEIP Chancelas de Poio xa profundaron na temática, coñecendo a resposta a preguntas fundamentais como "que se pode botar no  compostero?" ou "canto tempo pasa para producir o primeiro compost?". Mediante xogos como o da 'miñoca', facendo referencia ao clásico xogo da Oca, 48 nenos de primeiro e segundo de Primaria puideron aprender entreténdose, formando equipos cos seus compañeiros. Os 97 alumnos restantes de cursos superiores recibiron unha charla máis adecuada ao seu perfil, 'A voltas coa compostaxe', que axuda a entender o proceso no ámbito doméstico.

O venres 23 de febreiro será a quenda dos máis pequenos. Os nenos de Educación Infantil poderán ter un primeiro contacto coa técnica a través da posta en marcha dun composteiro para tratar o lixo orgánico producido no propio centro.

Os alumnos do IES Luís Seoane do barrio de Monte Porreiro, pola súa banda, xa recibiron as charlas sobre o tema, polo que o xoves 22 de febreiro será o día de ver en vivo o proceso no centro de compostaxe comunitaria situada na rúa Italia.

Estas accións coinciden co recibimento de 117 solicitudes para formar parte do proceso de selección da terceira convocatoria de mestres composteiros para este Plan. A  Deputación ten como obxectivo concienciar sobre a problemática dos residuos, tanto a docentes como a escolares.