Previsións optimistas para o turismo esta ponte: unha ocupación do 40% nas Rías Baixas

Pontevedra
03 de decembro 2016

Os datos recollidos polo servizo de turismo da Deputación indican que nas Rías Baixas o pasado mes de novembro houbo unha ocupación do 43%, case 20 puntos por riba que novembro de 2015, superando o 82% en concellos do Condado e da Paradanta ou o 50% en Deza e Tabeirós- Terra de Montes

Turistas baixo a chuvia
Turistas baixo a chuvia / Mónica Patxot

A coñecida como ponte da Constitución e a Inmaculada, que inclúe esta fin de semana e toda a semana próxima, comeza con previsións moi optimistas para o sector turístico pontevedrés. A Deputación prevé que a ocupación hoteleira na provincia de Pontevedra e, polo tanto, nas Rías Baixas, será próxima ao 40%, 19 puntos máis que o mesmo período do ano 2015.

Segundo as previsións facilitadas pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o turismo rural superará en 10 puntos os resultados de decembro de 2015.

Os datos de ocupación hoteleira recollidos polo servizo de turismo da Deputación indican que nas Rías Baixas o pasado mes de novembro houbo unha ocupación do 43%, case 20 puntos por riba que novembro de 2015, superando o 82% en concellos do Condado e da Paradanta ou o 50% en Deza e Tabeirós- Terra de Montes. En canto ó turismo rural, superou en máis de 6 puntos a porcentaxe de ocupación con respecto a novembro de 2015, rexistrándose as cotas máis elevadas en Caldas e Pontevedra.

En canto ao perfil do turista que visitou as Rías Baixas durante o pasado mes, Carmela Silva indicou que procedían do noso país (84,21%), principalmente de Madrid, Barcelona e Asturias e aloxáronse en hoteis (54%) de Sanxenxo, Cambados, O Grove e Vigo, durante 4-6 días.

Os turistas chegaron fundamentalmente en coche ou avión e buscaban nas Rías Baixas experiencias culturais (45%) e ocio en xeral (38%).