Primeiras limitacións de circulación a partir deste 31 de agosto debido á Feira Franca

Pontevedra
30 de agosto 2022

Desde este mércores 31, a partir das 07.00 horas, quedará prohibido estacionar na rúa Aduana. As restricións serán ampliadas durante a xornada do 3 de setembro. Desde o Concello fan un chamamento á utilización de aparcadoiros disuasorios e tamén solicitan á veciñanza que reduza o uso do vehículo particular ao mínimo imprescindible

Dispositivo de seguridade na Feira Franca
Dispositivo de seguridade na Feira Franca / Diego Torrado

Chega a Feira Franca e debido a esta actividade á que asiste público de maneira masiva, a partir deste mércores inícianse as limitacións de circulación. A partir deste 31 de agosto, ás 07.00 horas, queda prohibido estacionar en Rúa Aduana.

Está preparado un dispositivo de tráfico coa intención de reducir os problemas que poidan provocarse #ante a presenza de numerosas persoas. Neste dispositivo participan integrantes da Policía Local, Protección Civil, Bombeiros e voluntariado que axudarán a garantir o bo desenvolvemento do evento festivo e o coidado do espazo público.

Desde o Concello de Pontevedra solicitan a colaboración cidadá para que se utilicen os aparcamentos disuasorios: Mollavao; Pavillón de Deportes; chaira do Recinto Feiral; avenida Bos Aires e Xosé Malvar; A Parda; Pasarón e Avenida de Vigo. Ademais, tamén piden desde o goberno local que se reduza o uso do vehículo particular ao mínimo imprescindible.

As medidas de tráfico supoñen unha restrición de aparcamentos en determinadas vías e cortes de tráfico. Desde a Policía Local lembran que deben respectarse os sinais provisionais instalados nos espazos afectados.

CIRCULACIÓN DE VEHÍCULOS

- Péchanse ao tráfico a partir das 10.00 horas do sábado 3: Zona monumental; Arcebismo Malvar; Pardo Bazán; Rúa Alameda desvío por Echegaray; Galera; Benito Corbal no seu tramo peonil; Rúa Michelena; 

- Desde as 14.00 horas do sábado 3 pecharase a circulación de vehículos na contorna da Praza de Touros, en San Roque, debido á celebración do espectáculo medieval. O peche afecta a Víctor Said Armesto; Nostramo Lourido; Pedro Mariño de Lobeira; Celestino Poza Pastrana e Rúa Canaval.

- A previsión do peche do perímetro da praza de abastos será a partir das 09.00 horas do sábado 3.

PECHE ESPECÍFICO DA VÍA PÚBLICA

No traslado do viño realizarase un corte na intersección de Santa Clara con Cobián Roffignac e na intersección de Santa Clara con Perfecto Feijóo durante a mañá do sábado.

ESTACIONAMENTO DE VEHÍCULOS

Zonas prohibidas:

- Desde as 22.00 horas do venres 2 de setembro queda prohibido estacionar na zona de carga e descarga de Santa Clara.

- Contorna da Praza de Touros: a partir das 07.00 horas do venres en Nostramo Lourido. O resto do perímetro verase afectado a partir das 08.00 horas do sábado.

- Rúa Aduana desde as 07.00 horas deste mércores 31

- Desde as 22.00 horas do venres 2: Avenida Bos Aires (reserva parada de taxis) desde Alfredo García Hermida ata a rotonda do Puente Santiago, Serra, Julio Camba; e Valentín García Escudeiro.