Policía Local e Bombeiros inspeccionarán os postos da Feira Franca

Pontevedra
01 de setembro 2022

O Plan de Seguridade da XXI edición da Feira Franca, que se celebra este sábado 3 de setembro, entrará en vigor ás 11.00 horas desa xornada e durará ata as 03.00 horas do domingo 4. Elaborado pola Policía Local, o Plan recolle a presenza de tres ambulancias e un posto avanzado médico instalado no Teatro Principal

Plan de Seguridade para a Feira Franca 2022
Plan de Seguridade para a Feira Franca 2022 / Concello de Pontevedra

A Feira Franca contará cun Plan de Seguridade, elaborado pola Policía Local. Entrará en vigor ás 11.00 horas do sábado 3 e concluirá ás 03.00 horas do domingo 4. 

Durante o sábado, un equipo da Policía Local e dos Bombeiros de Pontevedra inspeccionará os postos instalados nas distintas zonas para determinar se a instalación adáptase ás normas establecidas pola organización da Feira Franca. 

Entre estas medidas atópase o uso só de carbón nas grellas, a presenza de extintores nas proximidades; instalación de postos unicamente autorizados; e evitar ocupación de vías de penetración e evacuación.

Nesta vixésimo primeira edición instalaranse os seguintes puntos de emerxencia: un posto avanzado médico no Teatro Principal; tres ambulancias en Valentín García Escudero; Bastida/Michelena e Alameda. Protección Civil manterá o seu posto central na Praza de Ourense e os Bombeiros, na Praza de España e en Valentín García Escudero.

 Instalaranse unha serie de extintores para o seu uso en diversos puntos do centro histórico e zonas de celebración da festa medieval.

VÍAS PARA OS SERVIZOS DE URXENCIA

No Plan contémplase, para garantir o tránsito e as posibles intervencións de auxilio, que os servizos de urxencia terán como vías principais de evacuación e penetración a Rúa Real, Sarmiento, Isabel II, Curros Enríquez, Fernández Villaverde e Michelena.