"Deixounos a parca!" Volveu a Feira Franca!

Pontevedra
02 de setembro 2022

Na tarde deste venres 2 de setembro, as rúas do centro histórico enchéronse de xente para asistir á chegada dos pregoeiros a cabalo anunciando o inicio da vixésimo primeira edición da Feira Franca, tras os anos de descanso pola "peste" pandémica. A continuación, Pablo Méndez Performance ofrece unha espectacular montaxe de apertura na praza da Ferrería baixo o título 'O Lérez'

Xornada inaugural da Feira Franca 2022
Xornada inaugural da Feira Franca 2022

"Hai Feira Franca na grande vila de Pontevedra", así anunciaban os pregoeiros dacabalo o regreso da celebración medieval na tarde deste venres 2 de setembro, ante centos de persoas que se apiñaban polo centro histórico e zonas próximas.

Despois dos tres anos sen celebración debido á "peste" pandémica, a cidade volve celebrar a súa festa medieval durante este venres e o sábado, xornada na que está prevista a presenza de mileiros de persoas coas tradicionais comidas na rúa e diversas actividades dentro da programación como exhibicións de tiro con arco, esgrima antiga, cetrería e dúas sesións de torneos medievais na Praza de Touros, ás 17.30 e ás 20.00 horas.

A xornada iniciarase ás 11.30 horas coa apertura do mercado medieval a avenida de Santa María e da mostra de oficios, nas prazas da Ferrería, Pedreira e do Peirao. Media hora máis tarde, a asociación Recreativa de Xeve, Art Monium, Troula e outros colectivos animarán as rúas coa recreación do transporte do viño desde Santa Clara, pasando por Sarmiento, Pasantaría, ata finalizar na praza da Peregrina.

Este venres a apertura contou coa espectacular montaxe de 'O Lérez' na praza da Ferrería, a cargo da compañía Pablo Méndez Performance. Coa súa proposta arrincan horas para gozar da romaría máis grande da cidade.

Arquivado en