Primeiro encargo para a ministra Cospedal: resolver a situación da Illa de Tambo

Pontevedra
04 de novembro 2016

O grupo de traballo anovaTerra trasladou ao Grupo de Marea no Congreso dos Deputados unha iniciativa para transferir a titularidade da illa ao Concello de Poio ou á Xunta. Denuncian que, desde a desafección realizada hai 14 anos, este espazo natural atópase aínda en mans do ministerio de Defensa e abandonado

Illa de Tambo Mónica Patxot

María Dolores de Cospedal tomou posesión este venres 4 como ministra de Defensa e xa ten nas súas mans a primeira "pataca quente", a Illa de Tambo. O grupo de traballo Anova Terra trasladou ao grupo de Marea no Congreso dos Deputados unha iniciativa para transferir a titularidade da illa ao Concello de Poio ou á Xunta.

Este grupo denuncia que, desde a desafección da illa realizada hai 14 anos, este espazo natural atópase aínda en mans do ministerio de Defensa e ofrece unha imaxe de abandono. Sinalan que a Mariña a través da Escola Naval de Marín segue a realizar labores de vixilancia e obstaculizando o paso ás persoas que queiran acceder á illa. Por este motivo, esperan que o ministerio liderado por Cospedal explique cando ten previsto transferir a titularidade e se este proceso vai levar a cabo de maneira gratuíta.

Tamén se preguntan sen a Xunta de Galicia ou o Concello de Poio levaron a cabo algunha xestión ante o Ministerio de Defensa para abordar o traspaso da Illa de Tambo.

Tamén se preguntan que sucedeu antes da desafección da illa co diñeiro procedente da talla de árbores e do transporte da madeira de eucaliptos. A agrupación de anovaTerra quere saber en que se investiu o diñeiro.

Ademais queren saber que opinión ten o Goberno en relación á proposta de incluír esta contorna no Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Pregúntanse os motivos polos que Defensa deixou en estado de total abandono este enclave natural e instan o ministerio a que leve a cabo as actuacións precisas para rexenerar Tambo.