Primeiros de marzo, data para iniciar o soterramento da liña de alta tensión en Monte Porreiro

Pontevedra
20 de febreiro 2018

Xa hai data para o comezo do ansiado soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro. A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, desvelou que a empresa Gas Natural Fenosa comezará a executar estes traballos a principios do mes de marzo

Proxecto de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro
Proxecto de soterramento da liña de alta tensión de Monte Porreiro / Concello de Pontevedra

Xa hai data para o comezo do ansiado soterramento da liña de alta tensión que atravesa o barrio de Monte Porreiro. A concelleira de Urbanismo, Anabel Gulías, desvelou que a empresa Gas Natural Fenosa comezará a executar estes traballos a principios do mes de marzo.

Así figura no cronograma que lle trasladaron os responsables da compañía eléctrica aos membros da asesoría xurídica e aos técnicos dos servizos urbanísticos do Concello na xuntanza que ambas partes mantiveron este luns para coordinar estes traballos.

De cara a estas obras, o goberno municipal asinará un documento polo cal cederá a Fenosa a obra civil realizada polo Concello, os 680 metros lineais de canalización pola que descorrerá a liña soterrada que inclúe tamén dúas cámaras de empalme e catro arquetas máis as arquetas de comunicación coas súas torretas.

Esta cesión é un trámite necesario para acometer as obras de soterramento, un proxecto que conta ca coas autorizacións administrativas pertinentes.

"O Concello cumpriu a súa parte", subliñou a responsable do departamento municipal de Urbanismo.

O prazo de execución das obras, fixado no proxecto, é de sete meses.