Primeiros pasos para crear unha rede de vías ciclistas na provincia

Pontevedra
27 de xullo 2016

A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores unha reunión para sentar as bases da Mesa da Mobilidade Ciclista, na que estiveron presentes colectivos como Arousa en Bici, Pedaladas, A Golpe de Pedal Vigo, Bicicleando e Rururban. Pretenden implicar a Xunta de Galicia e Dirección Xeral de Tráfico 

Reunión do deputado Uxío Benítez con colectivos ciclistas da provincia Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra acolleu este mércores unha reunión para sentar as bases da Mesa da Mobilidade Ciclista, na que estiveron presentes colectivos como Arousa en Bici, Pedaladas, A Golpe de Pedal Vigo, Bicicleando e Rururban.

A intención pasa por "crear uns itinerarios nos que a mobilidade ciclista poida servir por unha banda como uso cotiá na mobilidade de todo o mundo e por otutro como un factor atraínte en canto a turismo ou lecer", declarou tras o encontro o deputado Uxío Benítez.

Trátase dunha "primeira toma de contacto" que terá continuidade no mes de setembro, cando convidarán a unirse á iniciativa á Xunta de Galicia e á Dirección Xeral de Tráfico xa que a súa colaboración resulta imprescindible no proxecto.

O encontro foi cualificado como "tremendamente positivo" polos colectivos ciclistas, xa que "abre o camiño para modernizarnos", explicou Quique Pérez, representante de Pedaladas.

Para as asociacións de ciclistas é necesario desenvolver o proxecto EuroVelo, que crea vias ciclistas aos longo do continente, e "entrar en Europa no tema da bicicleta e logo vertebrar a comunicación entre municipios, ademais de mellorar a seguridade viaria".

A Mesa da Mobilidade Ciclista traballará desde setembro coa intención de "pasar a un novo modelo no que imos apostar preferentemente na mobilidade peonil e ciclista", completou Uxío Benítez tras a reunión.