Procuradores e tribunais pontevedreses consideran o acordo entre PSOE e Junts un "desprezo absoluto" ao Estado de Dereito

Pontevedra
13 de novembro 2023

Tras coñecer o contido do acordo subscrito entre o PSOE e Junts, o Colexio de Procuradores emitiu un comunicado en que se adhire aos pronunciamentos do Consello Xeral do Poder Xudicial, asociacións de xuíces e fiscais e aos xuíces decanos de España rexeitando o contido do documento asinado en Bruxelas

Audiencia Provincial de Pontevedra Cristina Saiz

O acordo subscrito entre o PSOE e Junts per Catalunya para facilitar a investidura de Pedro Sánchez provocou a reacción entre os órganos xudiciais. Desta forma, a xunta de goberno do Colexio de Procuradores de Pontevedra emitiu un comunicado no que reafirma o seu compromiso coa Constitución e o Estado de Dereito.

Este colexio tamén se adhire aos pronunciamentos realizados polo Consello Xeral do Poder Xudicial, asociacións de xuíces e fiscais ou os xuíces decanos de España rexeitando o contido do documento asinado en Bruxelas entre PSOE e Junts. 

Especifican que as referencias á existencia dunha xudicialización da política, denominada "lawfare", e a posibilidade de crear comisións parlamentarias para a investigación de actuacións xudiciais conforman "un desprezo absoluto ao noso Estado de Dereito" e unha "inxerencia intolerable na independencia xudicial, ao romper a separación de poderes", alegan.

O decano Gabriel Santos e todos os integrantes da Xunta de Goberno expoñen que "resultan inadmisibles iniciativas como a proposta no documento por constituír un grave menoscabo dos dereitos e liberdades consagrados na Constitución Española" lembrando que a acción do Poder Xudicial é independente e réxese única e exclusivamente polo imperio da Lei.

TSXG

Pola súa banda, a Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) tamén acordou por unanimidade subscribir o comunicado das catro asociacións xudiciais no que rexeita as referencias ao "lawfare" ou instrumentalización da xustiza e as súas consecuencias.

Engaden que o texto do acordo alcanzado contén explícitas referencias á posibilidade de desenvolver comisións de investigación en sede parlamentaria a fin de determinar a presenza de situacións de xudicialización da política, coas "consecuencias que, no seu caso puidesen dar lugar a accións de responsabilidade ou modificacións lexislativas".

Entenden que na práctica abre a opción de revisión parlamentaria dos procedementos e decisións xudiciais con evidente intromisión na independencia xudicial e quebra da separación de poderes.

"Estas expresións, en canto traslucen algunha desconfianza no funcionamento do Poder Xudicial, non son aceptables", afirman finalizando o comunicado indicando que o poder xudicial en España é "independente, non actúa sometido a presións políticas e dispón dun sistema de garantías xurisdicionais que aparta o risco que se apunta", segundo considera o máximo tribunal de xustiza de Galicia.