Profesionais pontevedreses de atención primaria e hospitalaria fórmanse para traballar xuntos

Pontevedra
20 de xaneiro 2026

Reciben formación en estratexias colaborativas para mellorar a atención pediátrica e oncolóxica e potenciar a calidade asistencial para os pacientes, cun uso eficiente dos recursos dispoñibles

Xornadas de atención compartida da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés
Xornadas de atención compartida da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés / Sergas

A colaboración entre os profesionais que traballan en atención primaria e hospitalaria poden mellorar a asistencia aos pacientes e esta semana uns e outros están a formarse para trabalalr xuntos. 

Están a facelo no marco das Xornadas de Atención Compartida da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, que se celebran no salón de actos do hospital Provincial do CHUP este martes e este mércores. 

 A área sanitaria organiza estas xornadas ciclicamente desde o ano 2021 e inciden en acadar unha visión en rede da atención primaria e hospitalaria na área de saúde. Este ano, céntranse nas especialidades de Pediatría e de Oncoloxía.

Desde o Sergas destacan que estas estratexias colaborativas para unha mellor atención pediátrica e oncolóxica "potencian calidade asistencial para que os pacientes reciban unha atención continua e integral".

Ademais, prevén incidir nun uso eficiente dos recursos dispoñibles nestes dous niveis sanitarios.

Os servizos de Pediatría e Oncoloxía do CHUP pontevedrés destacan que as xornadas de atención compartida "profundizan na análise e debate das competencias asistenciais coordinadas" entre centros de atención primaria e hospitais, diagnosticando patoloxías pero tamén analizando as fortalezas e necesidades destes servizos

As xornadas están dirixidas a persoal facultativo, de enfermaría e sanitarios en formación -residentes-.

Os centros de atención primaria e hospitais da área sanitaria realizaron cambios organizativos para adaptarse á demanda de maior coordinación e continuidade, como, por exemplo, nas vías de diagnóstico rápido ou nos procesos asistenciais integrados.