Promoven unha campaña para frear o deterioro do parque do lago de Castiñeiras

Vilaboa
11 de maio 2018

Un roteiro reivindicativo en defensa deste espazo natural. Esta será a primeira acción que se incluirá na campaña que porá en marcha o BNG, en colaboración coas comunidades de montes, para defender o parque do lago de Castiñeiras

Primeiros días do outono no lago de Castiñeiras
Primeiros días do outono no lago de Castiñeiras / Diego Torrado

Un roteiro reivindicativo en defensa deste espazo natural. Esta será a primeira acción que se incluirá na campaña que porá en marcha o BNG, en colaboración coas comunidades de montes, para defender o parque do lago de Castiñeiras.

Trátase dunha iniciativa que pretende implicar principalmente á Xunta de Galicia, aos concellos de Marín e Vilaboa, á Deputación de Pontevedra e aos propios comuneiros nun plan de conservación, mantemento, dinamización e promoción deste espazo de grande valor paisaxístico, pedagóxico, cultural e de lecer.

O deputado Luís Bará explicou que se busca, en definitiva, frear o deterioro e abandono que sofre o parque e conseguir que recupere o esplendor que tivo no pasado, cando era lugar de visita, encontro, educación ambiental e lecer para miles de visitantes.

Para o BNG é fundamental que o plan de actuación sobre Castiñeiras se complemente coa posta en valor da enorme riqueza patrimonial da contorna.

Este plan foi presentado por Bará, acompañado por responsables do BNG de Marín e Vilaboa, aos representantes das comunidades de montes en cuxos terreos se sitúa o parque.

Nesta xuntanza, os nacionalistas presentaron as iniciativas parlamentarias rexistradas no Parlamento galego co obxectivo de denunciar a situación de deterioro e abandono deste espazo emblemático.

Recordan, entre outras deficiencias, que o valado perimetral está en mal estado e tirado polo chan, hai falta de conservación e de mantemento do arboredo, deterioro da lagoa artificial, unha deficiente sinalización, un mal estado do mobiliario, deterioro dos camiños e sendas, as zonas de mesas están invadidas de maleza ou os baños non funcionan.

Durante os últimos anos, recordou Luís Bará, a principal actuación da Xunta foi a decisión do traslado do centro de recuperación de fauna silvestre desde Castiñeiras a Carballedo, no concello de Cerdedo-Cotobade. É unha decisión que, denuncian, pon claramente de manifesto a "desidia, desinterese e desprezo" do goberno galego polo parque forestal de Castiñeiras.