Nace a Plataforma SOS Castiñeiras

Vilaboa
24 de maio 2018

A Plataforma SOS Castiñeiras nace en defensa do Lago e do Parque de Castiñeiras, co obxectivo de "poñer freo ao abandono e deterioro que sofre o parque e a súa contorna, e demandar a implicación da Xunta de Galicia na conservación e promoción deste valioso espazo ambiental, cultural e de lecer"

Lago de Castiñeiras
Lago de Castiñeiras / PontevedraViva

Este mércores tivo lugar no Lago de Castiñeiras unha xuntanza, á que asistiron as comunidades de montes de Marín e Vilaboa e unha serie de entidades sociais dos concellos da contorna, na que se constituiu a Plataforma SOS Castiñeiras.

A Plataforma SOS Castiñeiras nace en defensa do lago e do parque de Castiñeiras, co obxectivo de "poñer freo ao abandono e deterioro que sofre o parque e a súa contorna e demandar a implicación da Xunta de Galicia na conservación e promoción deste valioso espazo ambiental, cultural e de lecer".

Nos vindeiros días a recén constituida plataforma continuará tratando de integrar ao maior número de colectivos e entidades de todo tipo antes da súa presentación pública, que terá lugar nas vindeiras semanas, moi posiblemente na primeira semana de xuño.

Na reunión do mércores acordouse organizar a primeira actividade que terá lugar o domingo 3 de xuño e consistirá nunha andaina polo lago e o parque de Castiñeiras. Nesta actividade contarán coa participación de persoas ben coñecedoras da enorme riqueza natural e cultural do parque, que irán dando pequenas explicacións durante o roteiro.

A saída será ás 11:00 horas do lago de Castiñeiras e o percorrido será moi sinxelo, polo que é recomendable para todo tipo de públicos.