Os socialistas deseñaron un amplo paquete de medidas que presentarán no próximo pleno municipal para incentivar a actividade económica no comercio local en Pontevedra.
Son iniciativas, segundo destacaron os concelleiros Iván Puentes e Yoya Blanco, que naceron durante as diversas reunións que mantiveron con colectivos de comerciantes e empresarios.
"Os concellos debemos converternos en axentes determinantes no impulso do emprendemento", subliñaron os edís do PSOE, que apostan por poñen en marcha dun viveiro ou aceleradora de iniciativas empresariais que teña A Parda como "sede preferente".
Dentro dese viveiro insertaríase ademais unha oficina municipal de apoio ao emprendemento local encargada, entre outras cuestións, de informar e asesorar sobre liñas de axudas ao comercio e á pequena e mediana empresa.
A iso suman a necesidade de que se habilite dunha bolsa municipal de alugueiro e venda de establecementos comerciais para poder ofertalos aos emprendedores que desexen crear ou reformular o seu negocio nalgún lugar da cidade.
Desde o Concello, engadiron os socialistas, débense impulsar tamén formacións específicas en competencias dixitais e comercio online ou potenciar as campañas promocionais estacionais para fomentar as compras nas tendas pontevedresas.
A este respecto, dentro das campañas de acción directa, o partido que lidera Puentes propón a creación dun bono comercio para gastar en establecementos locais.
Todas estas medidas, segundo os representantes municipais, buscan combater a "crise" do comercio, ao que ven "golpeado" desde hai anos pola pandemia ou pola crecente tendencia de compras por internet, especialmente entre as xeracións máis novas.
A falta de formación específica dos comerciantes en materias como o financiamento, o deseño de plans de negocio, o uso das redes sociais con fins comerciais, a venda por Internet ou marketing dixital, "fai moi complicado inverter esa inercia", sosteñen os socialistas.
Entenden que o éxito futuro do sector pasa por unha "axeitada coordinación institucional", por medidas de apoio "reais e sostibles", por un maior acceso a financiamento e por unha aposta "decidida" por dixitalizar e modernizar os negocios de proximidade.