Rescindir a achega pública ao convenio de aluguer da praza de touros é a reiterada proposta da plataforma Galicia, Mellor Sen Touradas para "garantir un apoio cero ás corridas en Pontevedra, dificultando así a súa continuidade na localidade".
Os abolicionistas insisten na súa idea achegando agora outro argumento, o aforro de máis de 38.000 euros que a medida supoñería para as arcas municipais.
Desde Galicia, Mellor Sen Touradas sinalan que este equipamento segue "infrautilizado" e aseguran que "supuxo desde o ano 2000 un desembolso superior aos 780.000 euros, que foron a parar ás contas bancarias dos promotores da feira taurina e capeas varias".
Así, os abolicionistas expuxeron como alternativa que o propio consistorio "reordene" as actividades da Feira Franca do próximo ano, derivando parte das recreacións e representacións ás prazas da cidade e prescindindo tamén do uso de animais.
Galicia, Mellor Sen Touradas engade á súa proposición a necesidade de que o pleno da corporación debata a declaración de Pontevedra como municipio "libre de corridas de touros", unha moción simbólica que xa saíu adiante nunha vintena de localidades galegas e nas deputacións da Coruña e Pontevedra.
Finalmente apuntan que "suprimir o acordo taurino das contas locais tamén liberaría fondos para desenvolver políticas sobre respecto animal e convivencia", un aspecto sobre o que outros colectivos animalistas pronunciáronse nos últimos días.