A plataforma 'Galicia, Mellor Sen Touradas' considera positiva a suspensión da minifeira taurina que se desenvolvía na cidade de Pontevedra con motivo das festas da Peregrina. Entenden que resulta coherente coas medidas sociosanitarias impostas pola Xunta de Galicia.
Pero ademais realizan unha petición ás administracións públicas co obxectivo de adquirir a Praza de Touros. O colectivo abolicionista argumenta que este recinto situado en San Roque leva sen actividades case dous anos e pon sobre a mesa que un Consorcio entre a Xunta, Deputación e Concello podería asumir a compra deste espazo para destinalo a actividades sociais.
Indican que no caso de que a oferta non producise efecto, "os poderes públicos poden apostar pola vía da expropiación" alegando "razóns de interese público". Con esta fórmula entenden que o prezo sería inferior a unha contraoferta por parte da familia Lozano, propietaria da Praza de Touros.
Entenden que se o espazo pasase a ser xestionado polas administracións públicas poderíase xerar unha tripla axenda de actividades coa cesión do recinto a asociacións e clubs, convocando eventos multitudinarios e actos concretos para atraer visitantes ás instalacións.
'Galicia, Mellor Sen Touradas' indica que, coa suspensión das feiras taurinas en Pontevedra e Valga, a comunidade galega manterá a cero o contador durante este último ano de realización deste tipo de eventos.