Protección Civil de Caldas consolídase como un servizo de "vital importancia e esencial"

Umia
28 de febreiro 2017

En 2016 Protección Civil de Caldas realizou 849 servizos, segundo informou o xefe desta agrupación, José Sieiro, durante a presentación do balance da actividade do pasado ano

Membros da agrupación de Protección Civil de Caldas Protección Civil de Caldas

En 2016, Protección Civil de Caldas realizou 849 servizos, segundo informou o xefe desta agrupación, José Sieiro, durante a presentación do balance da actividade do pasado ano.

En apenas tres anos esta agrupación está a moi pouca marxe de triplicar o número de intervencións, o que valoran como unha "consolidación" deste servizo "de vital importancia e esencial no concello".

Sieiro debullou as intervencións máis significativas nas que prestaron asistencia a 98 accidentes de circulación, 115 intervencións por animais, 40 en incendios urbanos e forestais, 395 operativos de protección civil e 11 sanitarios en apoio ao servizo de Urxencias Médicas de Galicia.

O pasado ano incorporouse á dotación unha embarcación neumática e un desfibrilador externo semiautomático, tamén se integrou o servizo na Rede Tetra de comunicacións de emerxencia da Xunta e implementouse a aplicación informática i-Ega que permite a conexión directa a tempo real coa sala de emerxencias 112 Galicia.

Outra das súas actividades son as charlas educativas en centros escolares.

Ademais, o Concello de Caldas de Reis colabora coa Consellería do Medio Rural na loita contra a avespa velutina. Neste marco, tan só entre os meses de setembro a decembro atenderon 21 avisos. E a partir de abril poñerase en marcha unha campaña de información a toda a cidadanía.

PETICIÓN CAMIÓN AUTOBOMBA

A maiores, o xefe da agrupación de Protección Civil de Caldas, José Sieiro, sinalou a "necesidade contrastada" de dotar ao concello dun camión motobomba que reforce a atención das emerxencias locais.

O Concello solicitou formalmente a cesión dun destes vehículos á Xunta de Galicia.