Todo tipo de actos sociais, culturais ou deportivos que se celebren en Ponte Caldelas contarán coa colaboración da agrupación de Protección Civil de Poio. Así o anunciou o goberno municipal caldelán, tras o convenio asinado entre o alcalde, Andrés Díaz, e o responsable da agrupación, Manuel Vicente Caamaño.
O Concello de Ponte Caldelas achegará unha subvención de 2.000 euros para axudar á compra de material e vestiario. Os membros da agrupación comprométense, pola súa banda, a achegar os medios humanos e materiais que axuden á correcta celebración destas actividades, no marco dos servizos e competencias deste tipo de agrupacións.
Ademais, tamén realizarán tarefas preventivas en situacións de posibles emerxencias.
Ambas partes pactaron xa o calendario de actuacións ao longo do ano, sen prexuízo de situacións extraordinarias. O convenio deixa claro que as funcións de Protección Civil non teñen que ver coa seguridade cidadá nin coa organización dos estacionamentos.
Tamén acóutase a actuación baixo as ordes de empresas privadas, dado que a relación debe ser sempre co Concello de Ponte Caldelas.