Protesta baixo a chuvia contra a Variante Oeste en Portas

Umia
19 de outubro 2025
Actualizado: 13:32

Ducias de veciños e o tenente de alcalde de Portas desafían o mal tempo nunha andaina reivindicativa contra o proxecto do Ministerio de Transportes

Andaina reivindicativa en Portas da Plataforma Variante NON Concello de Portas

Veciñanza de Portas protagonizou este domingo 19 de outubro unha andaina reivindicativa convocada pola Plataforma Variante NON, que desafiou a intensa chuvia para manifestar o seu rexeitamento ao proxecto da Variante Oeste.

Decenas de veciños e veciñas de Portas e Caldas de Reis, acompañados polo tenente de alcalde de Portas, Alfonso Vázquez, percorreron cinco quilómetros baixo o lema "Variante NON, queremos outra solución".

A mobilización, que se desenvolveu entre a rotonda de Tivo e diferentes puntos do trazado previsto, demostrou a unidade e determinación da cidadanía fronte a unha infraestrutura que, segundo denuncian, "vai estragar o rural sen solucionar nada".

O Concello de Portas, representado por Alfonso Vázquez, reiterou o seu apoio á veciñanza, lembrando que o pleno municipal aprobou por unanimidade unha moción contraria ao trazado actual.

Alfonso Vázquez destacou "a forza e o compromiso da cidadanía de Portas, que defende con orgullo o seu territorio e o seu modo de vida rural".

O goberno local insta o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible a "escoitar ás administracións locais e procurar alternativas máis sostibles e respectuosas co medio e coa veciñanza".

A Plataforma Variante NON anunciou que continuará coas accións informativas e mobilizacións nos vindeiros meses, buscando a paralización do actual trazado e a apertura dun diálogo real coa veciñanza afectada.