O alcalde de Meaño Carlos Viéitez encabezou a concentración que este sábado se desenvolvía no municipio para esixir á Consellería de Sanidade a dotación de máis persoal aos dous centros de saúde.
Viéitez leu un comunicado no que lembraba á Xunta que os escolares do rural teñen dereito a asistencia médica e toda a cidadanía destas poboacións tamén teñen dereito a contar cun pediatra xusto agora cando máis se aconsella evitar os desprazamentos a outras localidades. Denunciou que en plena pandemia os residentes en Meaño teñen que trasladarse a Sanxenxo ou a Pontevedra para acudir a unha consulta de pediatría, ao eliminarse a praza de pediatra no Centro de Saúde de Dena.
Lamentou que na reunión mantida con José Ramón Gómez, xerente da área sanitaria de Pontevedra - O Salnés, os representantes do Concello comprobasen que o SERGAS rompía o compromiso de repoñer en outubro a atención de pediatría, que este municipio comparte con Meis. Ante esta situación, demandan un especialista en pediatría na consulta do Centro de Saúde de Dena de maneira inmediata.
Ademais, sinalan que, tras a xubilación dun médico de familia no Centro de Saúde de Meaño, polo momento non se cubriu a súa praza cun substituto. Carlos Viéitez afirmou que o cadro de persoal dos dous centros de saúde deste municipio xa é "precario" para atender a toda a poboación. Desta forma, esixen á Consellería de Sanidade a reposición do médico de familia no Centro de Saúde de Meaño.