Protesta en Restauración para rexeitar os "enchufismos" na selección de profesorado

Pontevedra
27 de maio 2016

Sindicatos, alumnos e profesorado lamentan que a Xunta non recoñeza que o procedemento de adxudicación da praza a Beatriz Seco é irregular. Denuncian que a especialidade adxudicada correspondente á asignatura 'Restauración de documento gráfico' non se imparte na Escola pontevedresa

Protesta ante Restauración polo "enchufismo" na concesión dunha praza PontevedraViva

Detrás dunha pancarta na que se lía 'Un enchufe clamoroso', representantes sindicais, alumnos, profesores e o concelleiro nacionalista en Pontevedra, Alberto Oubiña, concentráronse ante as portas da Escola de Conservación e Restauración durante este venres 27.

Desta forma queren seguir denunciando a vacante adxudicada no recente concurso de traslados a Beatriz Seco. Consideran que se trata dunha adxudicación irregular porque a materia que impartiría de 'Restauración de documentación grafico' non se imparte na Escola pontevedresa.

A profesora é funcionaria de carreira en Asturas e aínda non se trasladou a esta nova praza, segundo indica Fernando Carreira, representante do profesorado do centro. A través dun comunicado, os manifestantes reclamaron a selección de profesorado a través de criterios obxectivos e non por "amiguismo".

Insisten en que esta profesora está moi ben relacionada con altos cargos da Xunta de Galicia e lamentan ademais que desde a administración autonómica non se recoñeza a gravidade dun asunto denunciado xa ante a Fiscalía. Segundo Carrera, desde a Consellería quérese atacar os denunciantes creando "dúbidas sobre a capacidade docente" do actual profesorado da Escola.

A concentración serviu tamén para reclamar da consellería de Educación a opción de poder participar en condicións de igualdade en mestrados e doutoramentos universitarios. Sinalan que este ano a Escola cumpre 25 anos de existencia e queren converterse no futuro nun centro modelo, de referencia para o patrimonio cultural.