Traballadores de Ence Pontevedra concentráronse este mércores nas portas da fábrica de Lourizán para protestar contra a "decisión unilateral" da empresa de externalizar o servizo médico, unha medida que entrará en vigor o próximo 1 de novembro e que supón a eliminación de catro postos de traballo do persoal sanitario dentro da factoría.
Durante a concentración, convocada polo tres sindicatos que conforman o comité de empresa, Omar Vázquez, secretario do comité, leu un comunicado no que denunciou que "o único plan real que ten a empresa agora mesmo é de recortes aos traballadores e aos nosos dereitos".
Vázquez explicou que a externalización afectará os ATS de tarde e noite, o médico da fábrica e o ATS de mañá cando se xubile en breve prazo de tempo.
"A intención da externalización é atacar o que maliciosamente chaman absentismo", declarou Vázquez, quen advertiu de que a medida provocará o efecto contrario: "Se realmente cren que van reducir as baixas médicas, xa vos aseguro que as van a incrementar. Non ter atención sanitaria na fábrica fará que calquera mínima lesión ou doenza que teñamos se agrave".
O secretario do comité cualificou a decisión como "unha neglixencia gravísima" e alertou de que "en caso de accidente laboral ou de atoparnos mal durante o traballo teña que ser un xefe non cualificado o que decida a gravidade da situación".
Pola súa banda, Santiago Cerqueiro, presidente do comité de empresa, lembrou que o servizo médico existe "desde hai moitos anos" e que a empresa xa tentou eliminalo no pasado sen éxito. "Os temas de accidentes están a crecer, este ano levamos un ano máis complicado", declarou Cerqueiro lamentando a retirada deste servizo médico.
O presidente do comité destacou a importancia destes profesionais na fábrica para efectuar a atención inmediata: "Cando recentemente houbo un incidente aquí, a primeira persoa que actuou foi ás 3 da mañá. A primeira atención que lle dan fai que as consecuencias sexan menores".
Ambos os representantes sindicais confirmaron que se rexistraron varios accidentes graves este ano, incluído un con ácido que sufriu un camioneiro o día despois dunha rolda de prensa na que se denunciou a situación de inseguridade na planta pasteira.
Os traballadores tamén sinalan que nos últimos anos a empresa eliminou máis dunha vintena de postos de traballo, incluíndo o persoal de portaría hai dous anos, e recortaron diversos servizos de mantemento.
En canto ás medidas de protesta, o comité de empresa anunciou que tomarán "as medidas que entre todos acordemos" cando a externalización se faga efectiva en novembro, sen descartar novas mobilizacións a curto prazo debido a outras frontes de conflito abertas coa dirección.
RESPOSTA DE ENCE
Ante as críticas do comité de empresa, Ence defende a súa decisión argumentando que "a seguridade é unha prioridade" para a compañía.
A empresa destacou que o seu investimento en seguridade durante 2025 foi de 9,1 millóns de euros e que a planta de Pontevedra ten un índice de accidentalidade de 0,86, "22 veces menos que o sector e 32 veces menos que a media española".
A compañía xustifica a externalización como unha mellora do servizo de vixilancia da saúde "a través dunha empresa de referencia a nivel nacional", que é QuirónSalud.
Aseguran que as novas medidas achegarán "mellores medios tecnolóxicos, seguimento personalizado e continuado", ademais de teleasistencia 24 horas e outras prestacións xa comunicadas á representación sindical.