Protesta estudantil contra o modelo actual de ensino

Pontevedra
15 de abril 2026

Esta folga enmárcase na campaña "Prívannos dun futuro!", que o colectivo 'Erguer. Estudantes da Galiza' puxo en marcha a finais do pasado ano

Concentración estudantil na Praza da Peregrina
Concentración estudantil na Praza da Peregrina / Sergio Guillermo Lourés Miranda

A organización estudantil Erguer. Estudantes da Galiza levou este 15 de abril ás aulas galegas unha xornada de folga.

A mobilización serviu para denunciar a "privatización do ensino público" e reclamar un cambio de rumbo nas políticas educativas.

Esta folga enmárcase na campaña "Prívannos dun futuro!", que o colectivo puxo en marcha a finais do pasado ano.

A convocatoria xurdiu tras varias asembleas nas que o estudantado decidiu dar o paso e esixir tanto ao Goberno central como á Xunta de Galicia o "fin inmediato das políticas neoliberais" que, segundo denuncian, están a afectar aos servizos públicos, especialmente ao ensino.

En Pontevedra, a protesta concretouse nunha concentración ao mediodía na Praza da Peregrina, onde se reuniron arredor de trinta estudantes.

Durante o acto, lanzaron consignas contra o actual modelo educativo e reclamaron un maior compromiso co ensino público.

A mobilización contou tamén co apoio de colectivos como CIG-Ensino e Galiza Nova, que arrouparon as reivindicacións.

Entre as principais demandas destacan o rexeitamento á FP dual, o incremento do investimento educativo en todos os niveis e a creación dun sistema público galego de residencias estudantís.

Concentración estudantil na Praza da Peregrina
Concentración estudantil na Praza da Peregrina   Sergio Guillermo Lourés Miranda