Arredor dun cento de representantes do sindicato nacionalista CIG, procedentes das comarcas de Vigo e Pontevedra, concentráronse este mércores 8 de xullo ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra para protestar contra a vixencia da Lei Orgánica de Protección da Seguridade Cidadá e as actuacións de control policial en actos reivindicativos.
A protesta, replicada simultaneamente ante as sedes gobernamentais da Coruña, Lugo e Ourense, transcorreu con consignas que demandaban a derrogación da citada normativa e criticaban os expedientes sancionadores con berros como "A protesta non é delincuencia", "Contra a represión, mobilización" ou "Lei Mordaza, derrogación".
Alberto Gonçalves, secretario comarcal da CIG de Vigo, exerceu de voceiro para lamentar a existencia dunha estratexia de presión cara ás organizacións que promoven a conflitividade laboral en beneficio dos traballadores.
Segundo expuxo o representante sindical, as intervencións policiais con identificacións e propostas de sanción económica estendéronse de forma habitual en negociacións colectivas recentes da provincia, como as dos sectores do metal, o téxtil, o comercio ou o calzado, así como en conflitos particulares en empresas como Mercadona e Amazon.
As contías das multas notificadas a traballadores derivados destas denuncias son elevadas. Gonçalves cualificou este procedemento como unha fórmula de desmobilización baseada no prexuízo económico directo: "Imaxina que vos chega unha multa de 600 euros cun salario de 1.200 ou 1.300 euros; fánche o mes. É unha forma de intimidar á xente para que non vaia ás protestas".
A central sindical tamén apuntou que estas medidas disciplinarias se aplican en mobilizacións de carácter social non estritamente laborais.
Neste caso, poñen como exemplo as propostas de sanción administrativas impostas a persoas que se manifestaron de forma pacífica contra as accións militares en Palestina durante o paso de La Vuelta Ciclista a España polo municipio de Mos.
CRÍTICAS AO GOBERNO CENTRAL
A CIG dirixiu as súas críticas cara á xestión do executivo de PSOE e Sumar polo incumprimento do compromiso electoral de abolir a lexislación de seguridade cidadá aprobada no seu día polo Partido Popular.
"Nós non podemos quedarnos así, porque se agora non se fai isto e non se derroga, cando veña un novo goberno de dereita e extrema dereita, que vai pasar? Que non soamente van deixar esta lei, senón que a vai acrecentar aínda máis", alertaba Alberto Gonçalves.
O sindicato sostén que as directrices políticas actuais validan a intervención da Policía Nacional e da Garda Civil en accións pacíficas, e acusou ás autoridades gobernamentais de falta de imparcialidade ao concentrar as identificacións de xeito maioritario entre os representantes da CIG en comparación con outras centrais que acoden ás mesmas convocatorias.
A CIG vincula a persistencia destas medidas á protección de intereses de corporacións económicas ante as demandas de melloras sociolaborais: "hai uns intereses non só políticos, senón tamén económicos por calar a boca ao único sindicato, o sindicato maioritario neste país, que é quen se rebela e o que protesta".
A organización indicou que as xornadas de protesta deste mércores constitúen o inicio dun calendario de mobilizacións co que pretenden forzar a derrogación definitiva do marco normativo actual, mantendo a acción colectiva e o conflito na rúa como elementos fundamentais para avanzar na negociación dos convenios, segundo indicou Gonçalves.