Proxectan un parque eólico de 587 hectáreas e catro aeroxeradores no Monte Castrove

Pontevedra
24 de xullo 2021

Ata 587 hectáreas pretende ocupar o parque eólico que se proxecta no Monte Castrove, en terreos de Pontevedra, Poio, Barro e Meis. Así se desprende da documentación presentada polos seus promotores ante a Xunta de Galicia

Aeroxeradores PontevedraViva

Ata 587 hectáreas pretende ocupar o parque eólico que se proxecta no Monte Castrove, en terreos de Pontevedra, Poio, Barro e Meis. Así se desprende da documentación presentada polos seus promotores ante a Xunta de Galicia.

O proxecto, que se expuxo a información pública para a súa avaliación ambiental, está impulsado pola sociedade Parque Eólico Cadaval y Ventoso SL, con sede en Santiago.

O parque contaría con catro aeroxeradores tripala, de 6.000 quilowatts cada un, polo que a súa potencia alcanzaría os 24 megawatts. Terían 170 metros de diámetro e uns 115 metros de altura de buje. 

Segundo os cálculos realizados polos seus impulsores, o parque xeraría electricidade para 13.846 familias e crearía uns 640 postos de traballo no seu deseño e construción.

Os promotores estudaron varias alternativas e concluíron que a elixida ten unha menor afección sobre o terreo, xa que a superficie afectada polas infraestruturas é menor e, ao ter menos aeroxeradores, será necesario escavar menos chan para viarios e gabias.

O proxecto completaríase cunha subestación eléctrica e un edificio de control.

O investimento previsto para construír este parque eólico ascendería a 20,5 millóns de euros.

Arquivado en